Publicador de contidos
Publicador de contidos

Progresiva evacuación da Illa de São Jorge, nos Azores, por milleiros de terremotos

Progresiva evacuación da Illa de São Jorge, nos Azores, por milleiros de terremotos

Aumenta o medo a que haxa unha erupción volcánica, logo de 10.000 tremores en seis días

G24.gal 26/03/2022 20:42

São Jorge, nos Azores, é a illa do arquipélago portugués onde se está a vivir con gran temor unha erupción volcánica, debido a que nos últimos seis días se sucederon máis de 10.000 tremores.
A magnitude duns 200 deles chegou aos 3,3 graos na escala Richter e nas últimas horas xa escaparon da illa máis dun milleiro de persoas; algunhas delas esta mañá agardaban no aeroporto coas súas maletas.

Na illa hai uns 8.400 habitantes.

Unha muller conta que lle pediron ao taxista que lles sacase unha foto diante da fachada da casa ante o temor de que se hai unha erupción a lava cubra a vivenda. 

Nesta evacuación voluntaria, moitos dos veciños da illa foxen canda as súas mascotas, como outra muller, que fala do mal que o pasa o can ao sentir tantos tremores.

Polo de agora as autoridades descoñecen se se producirá unha erupción ou tremores de maior intensidade. 

A alerta volcánica está no nivel 4, o cal significa que existe unha posibilidade real de que o volcán, que leva en calma dende hai dous séculos, poida entrar en erupción.

O epicentro está en Velas, un concello duns 5.500 habitantes. O seu alcalde Luís Silveira considera que, malia que aínda non ven motivo para facer unha evacuación total do municipio, son momentos moi angustiosos para os veciños e declarou que lle parece oportuno que a xente vaia marchando para facilitar unha evacuación se fose necesaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade