Publicador de contidos
Publicador de contidos

Proxectan o primeiro parque eólico mariño compartido entre Galicia e Portugal

Proxectan o primeiro parque eólico mariño compartido entre Galicia e Portugal

A proposta é do consorcio empresarial hispano-irlandés IberBlue Wind

Os muíños estenderíanse fronte á costa do Baixo Miño e Viana do Castelo

Podería abastecer máis dun millón de fogares a ambos os dous lados da fronteira

G24.gal 22/04/2023 14:23 Última actualización 22/04/2023 14:40

Este é o primeiro proxecto multifronteirizo deste tipo no sur de Europa. A proposta do consorcio empresarial hispano-irlandés IberBlue Wind consiste nun parque eólico mariño compartido entre Galicia e Portugal. 

Os aeroxeradores estenderíanse concretamente fronte á costa do Baixo Miño e fronte a Viana do Castelo. Cunha potencia instalada de case dous xigawatts, contaría cun total de 109 muíños eólicos e ocuparía unha superficie de 530 quilómetros cadrados.

"Sobre todo é importante pensar no impacto socioeconómico que tería para ambas as rexións, non só para a industria e a economía local, senón tamén para os propios consumidores. Estamos falando de que os proxectos poderían abastecer 1,2 millóns de fogares a ambos os dous lados da fronteira", di Dorleta Marina, directora de proxectos de IberBlue Wind.

O consorcio xa presentou a proposta ás administracións responsables na península Ibérica e tivo contacto con sectores implicados. Desde o consorcio aseguran que esperan poder materializar o proxecto.

"O consorcio reuniuse en Galicia co Observatorio que a Xunta organizou con diferentes axentes industriais, representación pesqueira, foi o 30 de marzo cunha moi boa acollida", engade.

O investimento previsto está en 4.000 millóns de euros.

"Estamos á espera de que as administracións lancen os concursos de concorrencia competitiva ou comunmente chamadas as poxas. Estariamos falando de que no mellor dos casos se as poxas se iniciasen a finais deste ano poderiamos estar falando de que os parques estivesen operativos sobre o ano 2031", asegura a directora de proxectos de IberBlue Wind.

Segundo o consorcio empresarial, o proxecto permitiría crear máis de 5.000 empregos no desenvolvemento e construción do parque. Despois crearíanse uns 600 postos de traballo na fase de operación e mantemento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade