Proxecto en Palas de Rei: producir 12.000 toneladas de larvas de mosca ao ano para pensos
Proxecto en Palas de Rei: producir 12.000 toneladas de larvas de mosca ao ano para pensos
A planta, que impulsa a multinacional española Bioflytech, prevé investir uns dous millóns de euros e crear 50 postos de traballo
En Palas de Rei vanse criar larvas de mosca negra para fabricar pensos. É o proxecto da empresa Bioflytech, unha multinacional española dedicada á elaboración de fariñas proteicas para a alimentación animal.
Hoxe presentaron esta iniciativa, nunha planta que prevé producir máis de 12.000 toneladas anuais de larvas de mosca, e que supoñerá a creación duns 50 postos de traballo directos, e máis de dous millóns de euros de investimento.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou este mércores Palas de Rei e puxo este proxecto como exemplo de “desenvolvemento respectuoso co medio”, “estratéxico e innovador”.
A maiores, explicou, este proxecto conta cunha avaliación ambiental que conclúe “que non vai supoñer ningún tipo de risco contaminante” e que a súa actividade non presenta “inconvenientes para a súa contorna”.
Ademais, “os insectos converten o alimento en biomasa dunha forma máis sostible e eficiente que a maioría de seres vivos, reducindo os consumos de auga e o uso de antibióticos”, aclarou.
Bioflytech prevé producir máis de 12.000 toneladas anuais de larva fresca de mosca para, posteriormente, segundo dixo a conselleira, desenvolver fariñas proteicas e graxas destinadas á alimentación animal.
Vázquez lembrou que iniciativas deste tipo “están moi vinculadas tamén ao concepto de economía circular, xa que os propios insectos actúan como recicladores naturais e asimilan nutrientes dunha ampla gama de produtos orgánicos”.