Publicador de contidos
Publicador de contidos

O CXPX contabiliza 646 rebaixas de condena e 65 excarceracións coa aplicación da lei do 'só si é si'

O CXPX contabiliza 646 rebaixas de condena e 65 excarceracións coa aplicación da lei do 'só si é si'

PSOE e Podemos seguen sen negociar a reforma da lei do 'só si é si'

G24.gal 28/02/2023 14:51

O órgano de goberno dos xuíces reuniu información do Tribunal Supremo, os tribunais superiores das comunidades autónomas e as audiencias provinciais. Nel, constata 646 rebaixas de condena e 65 excarceracións de condenados por delitos sexuais.

No caso concreto do Tribunal Supremo, rebaixou a pena ata o de agora a 10 agresores sexuais e en 7 dos casos as vítimas eran menores de idade.

Son datos provisionais, porque o Consello Xeral do Poder Xudicial aínda non dispón da cifra exacta dos procedementos por delitos sexuais sometidos a revisión en todas as audiencias provinciais. O que si que sabe é que todas, agás a de Ávila, reduciron condenas en aplicación da chamada lei do 'só si é si'.

PSOE e Podemos seguen sen negociar a reforma da lei do só si é si

O martes da semana que vén votarase no Congreso a toma en consideración da proposición que presentou o PSOE en solitario.

O presidente do Goberno cre que hai que modificar a lei do só si é si para acabar coas rebaixas de condenas a agresores sexuais. "Non estamos falando dunha corrección política, pero si dunha emenda técnica a un efecto indesexado que estou convencido de que queremos corrixir todos os grupos parlamentarios", asegurou Pedro Sánchez nunha entrevista en Telecinco.

Pero o acordo semella complicado, incluso cos socios de Goberno. O voceiro de Unidas Podemos no Congreso, Pablo Echenique, dixo que o PSOE non quere reunirse coa ministra de Igualdade, "non se quere sentar e non entendemos porqué".

O voceiro do PSOE, Patxi López, cre que "seguimos no día da marmota" e insiste en que "se antes do día 7 non chega outra proposta para valorar, contrastar, falar e negociar" seguirán adiante coa súa proposición de lei.

Dende o PP critican a tardanza desa reforma. "Este Goberno demostrou incapacidade á hora de lexislar, soberbia á hora de non escoitar a ninguén, cinismo á hora de non querer apoiarse nos votos do PP", opina a secretaria xeral do partido, Cuca Gamarra.

O PSOE desdeña os votos do PP, pero a estas alturas non ten nin os dos partidos da investidura, que piden un acordo dentro da coalición. A Joan Baldoví, de Compromís, parécelle que o PSOE "non está facendo o que debería e está dividindo o movemento feminista e a maioría progresista"

Esa división escenificarase o 8 de marzo na capital, con dúas manifestacións. Na convocada polo Movemento Feminista de Madrid, máis achegada ao PSOE, vaise pedir a dimisión da ministra de Igualdade, Irene Montero, e a reprobación do presidente do Goberno por mantela no posto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade