Putin e Kim estreitan a alianza militar e espacial cun cumio bilateral en Siberia
Putin e Kim estreitan a alianza militar e espacial cun cumio bilateral en Siberia
Os líderes de Rusia e Corea de Norte, que se reuniran por primeira vez en 2019, víronse nun cumio de catro horas
Putin recoñeceu que Kim ten un grande interese "polos foguetes", e o líder norcoreano apoiou "en todas as decisións" do Kremlin en Ucraína
"Hai perspectivas para a cooperación militar e espacial", resumiu o Kremlin do cumio entre Rusia e Corea do Norte que se prolongou durante unhas catro hroas no cosmódromo ruso de Vostochni, na rexión siberiana de Amur.
Comezou en formato ampliado entre as delegacións de ambos os países, que durou case unha hora e media. Despois produciuse a xuntanza bilateral entre os líderes de Rusia, Vladimir Putin, e de Corea do Norte, Kim Jong-un, que falaron durante unhas dúas horas.
Kim viaxou a Rusia cunha delegación que inclúe os ministros de Defensa e de Exteriores, así como altos cargos militares, entre eles o director do Departamento Industrial de Munición e tamén o secretario para Ciencia e Educación do Comité Central do Partido dos Traballadores, que está ligado ao programa espacial norcoreano.
Pola parte rusa participaron na reunión os ministros de Exteriores e de Defensa, Serguéi Lavrov e Serguéi Shoigú, entre outros altos cargos.
A anterior reunión entre Putin e Kim, que tivo lugar en 2019 tamén en Rusia, prolongouse por tres horas e media.
Pouco antes do cumio, Putin explicou á prensa que elixiu o cosmódromo de Vostochi para o encontro porque o líder norcoreano "ten un grande interese polos foguetes". Kim, pola súa banda, asegurou que Pionyang apoia "todas as decisións" de Putin: "Rusia levantouse agora nunha loita santa para a defensa da súa soberanía e seguridade".
"Estou convencido de que o heroico Exército e o pobo ruso, que herdou brillantemente as tradicións da vitoria, demostrará dignidade e honra en dúas frontes: na operación militar especial e na edificación dun Estado forte", dixo Kim ao pronunciar un brinde polas "novas vitorias da gran Rusia" durante un xantar ofrecido na súa honra polo presidente ruso.
Kim agregou que pretende construír unhas relacións "estables" e "duradeiras" con Rusia con axuda do xefe do Kremlin. "Estimularemos a construción de estados fortes nos nosos países e manteremos a verdadeira estabilidade internacional", asegurou.
Kim dixo que se abordaron de forma "profunda" a situación "política e militar na península coreana e en Europa"."A nosa visita actual prodúcese nun momento de confrontación feroz na area internacional entre o progresivo e o reaccionario, entre a xustiza e a inxustiza, así como a construción dun mundo multipolar", sinalou Kim.
Putin, pola súa banda, asegurou que Moscova e Pionyang seguirán fortalecendo a súa amizade en aras da "paz, a estabilidade e o benestar" na rexión. "Un vello amigo é mellor que dous novos", citou Putin un proverbio ruso durante o xantar con Kim.
Na axenda da reunión figuraron as relacións e a cooperación bilateral, os vínculos comerciais e económicos, así como os intercambios culturais, asuntos internacionais e rexionais, entre outros temas cualificados de "sensibles" polo Kremlin.
Segundo o diario The New York Times, Putin quere que Corea do Norte venda a Rusia munición para artillería e mísiles antitanque, mentres que Pionyang estaría a buscar tecnoloxía avanzada para a fabricación de satélites e submarinos de propulsión nuclear, ademais de produción petroleira e axuda alimentaria.
Kim Jong-un abadonou Vostochni catro horas despois da súa chegada. Nas imaxes de despedida de ambos os dirixentes, mostradas pola televisión rusa, pódese ver a Putin facendo con xesto de despedida coa man a Kim, que se atopa no seu coche oficial, a piques de abandonar as instalacións do cosmódromo.