Serie de premios na Centola Dourada do Grove
Serie de premios na Centola Dourada do Grove
Despois de repartir 64 millóns no Gordo, venderon tamén o primeiro premio do Neno
O afortunado é do Grove e mercouno no mostrador
A Doña Manolita e á Bruixa d'Or saíulles competencia no Grove. "Algunha vez tiña que tocar no Grove, non sempre en Madrid e Barcelona". "Ultimamente toca moito nesta administración, e xa tocara outros anos". "Tocou moito no Gordo e agora repetiu en Reis", din os clientes na cola da administración nº1 do Grove.
A Centola Dourada xa fora noticia por atraer a sorte noutras ocasións, pero a deste Nadal foi toda unha chuvia de millóns.
"No Gordo de Nadal repartimos 64 millóns de euros, 450 décimos con 125.000 euros cada un, e tamén un décimo dun quinto premio. E agora no Neno un décimo de 200.000 euros", explica Manuel Rodríguez Moreno, o responsable da administración.
A lenda do talismán do Grove medra e con ela os pedidos desde moitos currunchos de España. Para atendelos, o seu próximo proxecto é botar as nasas en Internet.
"Recibimos tantas chamadas de agradecemento e tamén peticións para comprar que este ano sen falta faremos a páxina web", engade Manuel.
Pero a maior satisfacción é que a sorte se reparta cerca, entre os veciños de Arousa. Algúns facían cola esta xélida mañá para cobrar ou seguir tentando a sorte na administración meca.
"Como ten tanto caché veño probar sorte". "A ver se desta vai e cobrar os reintegros". "Pena que non queden todos os cartos aquí, pero tamén é publicidade para o Grove", din os veciños.
O primeiro premio do Neno viaxou desde aquí a toda España, desde Xaén á Xirona pasando pola Illa de Arousa. E como non, O Grove, onde xa apareceu o afortunado veciño que comprou en mostrador o 94.974.