Rafael Louzán a uns días da votación para elixir o presidente da RFEF: "As sensacións son moi boas"
Rafael Louzán a uns días da votación para elixir o presidente da RFEF: "As sensacións son moi boas"
O luns elixirase o máximo dirixente da Federación Española de Fútbol e o presidente da Futgal ten moitas posibilidades
O luns, 16 de decembro, será a votación para elixir o novo presidente da Federación Española de Fútbol. Entre as quinielas aparece con moita forza o presidente da Federación Galega Rafael Louzán, o candidato que presentou o meirande número de avais.
Louzán visitou a Televisión de Galicia e acudiu ao programa Ao Contraataque da Radio Galega. "As sensacións son moi boas polo que estou percibindo de respaldo amplo e maioritario. Moi ledo de representar da mellor maneira a Galicia e a España na Federación máis importante que hai no país" comentou o dirixente.
O maior problema que ten Rafael Louzán é a sentenza de inhabilitación para cargo público que ten da época na Deputación de Pontevedra. Louzán agarda que o Supremo se pronuncie: "Estou moi confiado na xustiza deste país. Cren que podo liderar este novo equipo e asúmoo como un gran reto. Teño fe cega nunha resolución absolutoria".
O novo presidente será o encargado de capitanear o reto de 2030, ano no que España organizará o Mundial de Fútbol: "Gústame o reto do Mundial. Debemos seguir traballando para que Vigo e Valencia, que quedaron excluídas neste primeiro combate con 11 sedes. Traballarei na defensa destas dúas candidaturas. A Coruña está entre as elixidas e debe cumprir os compromisos. O primeiro xa o fixo pero esto é algo que está vivo", asegurou.