Raquel Sánchez confirma a intención de manter en 2024 os descontos no transporte
Raquel Sánchez confirma a intención de manter en 2024 os descontos no transporte
A ministra de Transpotes tamén asegurou que máis adiante se converterá esta política en estrutural, aínda que só para determinados colectivos
Raquel Sánchez, ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana en funcións, confirmou que a intención do Goberno é manter en 2024 a redución do prezo dos abonos de transporte, en caso de renovarse o Executivo coa coalición entre PSOE e Sumar.
Sánchez tamén asegurou que máis adiante se converterá esta política en estrutural, aínda que só para determinados colectivos, segundo sinalou durante a súa participación no Encontro Urbes Resilientes El País-Acciona.
"O transporte público é unha prioridade e foi a grande aposta do Goberno para protexer a cidadanía das consecuencias económicas da invasión rusa de Ucraína e, ao mesmo tempo, combater a inflación e reducir a nosa dependencia enerxética e o consumo de combustibles fósiles", engadiu.
A titular de Transportes reiterou que o transporte público é o "gran protagonista" da mobilidade sostible e constitúe o principal instrumento de vertebración do país, tamén para aquelas zonas, dispersas xeograficamente e afectadas polo despoboamento, cuxa dependencia do vehículo privado considera que é case absoluta.
Sánchez explicou que esta dependencia dificulta aos colectivos máis vulnerables o acceso aos servizos básicos ou ás diferentes oportunidades de traballo, polo que desde o Ministerio estase a traballar, con axuda da tecnoloxía, na promoción de novos modos de transporte que permitan ampliar e mellorar a oferta nas zonas con menor poboación, como os servizos a demanda, o transporte compartido ou as rutas dinámicas.
"Temos que ser capaces de movernos mellor ou de crear as condicións para que a mobilidade sexa innecesaria. Para iso estamos a impulsar a conexión a Internet de todo o territorio e estamos decididos a aprobar unha carteira de servizos básicos de calidade a menos de 30 minutos do lugar de residencia", concluíu.