Recorren ás árbores autóctonas para loitar contra as acacias invasoras
Recorren ás árbores autóctonas para loitar contra as acacias invasoras
A asociación veciñal de Penavaqueira, en Melón, organizou unha xornada comunitaria de limpeza do monte
Arrincaron as especies foráneas para plantar freixos e castiñeiros
Tras unha xornada de traballo, os veciños de Penavaqueira empezan a percibir o resultado.
"Todo o que vedes estaba cheo de acacia. Agora ímoslle dar un tratamento específico para que non rebrote", asegura Esther López, da asociación veciñal.
No monte, ata hoxe invadido polas acacias, empezan a rexurdir as antigas leiras e camiños.
"Por ese camiño era o camiño dos mortos. Por aí ían os mortos a pé cara a Melón, pola congostra", lembra Álvaro, veciño do lugar.
Rapidamente afloran as emocións ao redescubriren os lugares que pisaban de pequenos.
"Porque nos dá alegría, acordarnos dos nosos antepasados e limpar todo isto, que é unha alegría para todos", di Gloria, tamén veciña.
As acacias chegaron aquí como estacas para as vides, pero co abandono das terras foron colonizando o terreo e hoxe supoñen unha ameaza pola proximidade ás casas.
"É perigoso polo lume, porque as casas están aquí pegadas, as mimosas están enriba das casas", explica outra veciña.
Substitúen as acacias por frondosas autóctonas, coma este freixo que plantou Arán.
"Aínda que non traballen arreo, ven que a terriña hai que coidala e mimala", conclúe Esther.
Na aldea quedan medio cento de veciños, desde hoxe máis unidos.