Publicador de contidos
Publicador de contidos

Recuperan a áncora do Serpent, naufragado en 1890, que un veciño de Muxía utilizaba como decoración na casa

Recuperan a áncora do Serpent, naufragado en 1890, que un veciño de Muxía utilizaba como decoración na casa

A Garda Civil investiga o home por un suposto delito contra o patrimonio histórico

Sacou a peza da auga hai 25 anos e levouna para a súa vivenda

A traxedia do HMS Serpent con 175 tripulantes a bordo do buque británico deu lugar ao cemiterio dos Ingleses

Áncora do Serpent recuperada/ Garda Civil Áncora do Serpent recuperada/ Garda Civil
G24.gal 23/11/2024 10:57

Axentes da Garda Civil recuperaron unha áncora que podería proceder dun dos grandes naufraxios  na historia da Costa da Morte, o do buque HMS Serpent no século XIX. A traxedia do barco da Royal Navy en 1890 con 175 tripulantes a bordo, fronte ás costas de Camariñas, deu lugar a que se creara o cemiterio dos Ingleses.

A recuperación da peza produciuse  despois de comprobar que un veciño a utilizaba para decorar a fachada dunha vivenda en Muxía.

A investigación comezou en xuño deste ano por mor dunha denuncia presentada no posto de Muxía. O denunciante aseguraba que un veciño da localidade exhibía na súa casa unha áncora procedente do naufraxio do HMS Serpent, un buque da Royal Navy afundido en 1890 fronte á costa camariñá.

Para comprobar estes feitos, a Garda Civil solicitou un informe á área de Patrimonio Cultural Subacuático para a zona norte da Federación Española de Actividades Subacuáticas.

A análise determinou que a áncora localizada é de tipo «almirantado», unha variedade de áncora utilizada frecuentemente pola Royal Navy no século XIX.

A ancora foi extraída na zona do cabo Vilán, hai ao redor de 25 anos, cando un barco de pesca a enganchou coas súas redes. Ao tratar de recuperala, xa preto da superficie, os aparellos romperon e a áncora volveu ao fondo, polo que o patrón do barco anotou as coordenadas, para que outro buque de maior calado a recollese ao día seguinte.

O agora investigado fíxose coa áncora con posterioridade e empregouna para decorar a súa vivenda. Por este motivo, a Garda Civil, incluíndo especialistas do Servizo de Protección da Natureza (Seprona), o investiga agora como presunto autor dun delito contra o patrimonio histórico.

Naufraxio histórico

O HMS Serpent, foi un cruceiro torpedeiro británico de case 2.000 toneladas de desprazamento que entrou en servizo na Royal Navy en 1888. A embarcación, baixo o mando do comandante Harry L. Ross, viu o seu final a fatídica noite do 10 de novembro de 1890.

Aquel día, no medio dunha forte tormenta e quizais debido a un erro de navegación, a nave encallou e foi a pique con case toda a súa dotación: en total, faleceron 172 dos seus 175 tripulantes. Os restos do buque quedaron espallados pola costa e os seus tripulantes foron enterrados no cemiterio dous Ingleses, nas inmediacións de cabo Vilán. Segundo a normativa vixente, os restos de naufraxios anteriores a 1901 son considerados patrimonio cultural protexido. A lexislación establece que calquera obxecto localizado e extraído sen autorización deberá de ser comisado e posto ao dispor do ministerio competente en materia de patrimonio cultural.

Xunto á áncora, que presumiblemente pertence ao naufraxio do HMS Serpent, os axentes localizaron outras dúas áncoras cuxa orixe tamén está a ser investigada. Por orde do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Corcubión, as áncoras foron trasladadas e depositadas no Museo de Man, en Camelle, onde serán preservadas mentres se realiza unha análise máis detallada.

A Garda Civil lembra a importancia de respectar e protexer o patrimonio histórico e cultural e fai un chamamento á cidadanía para que denuncie calquera actividade sospeitosa que poida poñer en perigo este legado.

O home que a tiña na súa casa como decoración é un armador xubilado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade