Redacta a súa necrolóxica despois de ser dado por morto durante dez días
Redacta a súa necrolóxica despois de ser dado por morto durante dez días
Foi o médico de cabeceira o que lle informou de que administrativamente figuraba como persoa falecida
Un erro administrativo fixo que un veciño de Verín estivese oficialmente morto durante dez días. Por fortuna puido emendarse, pero súa reacción non foi outra que a de redactar a súa necrolóxica e acudir a recibir o pésame dos que foran os seus veciños nos últimos meses, iso o mesmo día que celebraban as festas patronais.
Oito meses pasou Antonio nunha residencia da Mezquita para recibir os coidados que precisaba. Tempo dabondo para este espírito inquieto, que, asegura, case sempre cumpría as normas.
"De cando en vez incumpría algo, unha escapada a un concerto, e decido aos oito meses darme de baixa na residencia para vir para a miña casa".
Parece que nese proceso de alta houbo algún erro administrativo, e aí precisamente comeza o seu periplo polo máis alá. Foi o médico de cabeceira o que lle deu conta da súa nova realidade.
"Doulle a tarxeta, métea e dime: é vostede familiar do falecido? Eu: como que familiar de que falecido? Di: Antonio Fernández Torcuato faleceu. Está vostede falando co cadáver, vivo e en directo. Vou antes ao cemiterio a ver quen me mandou unhas flores, unha coroa ou algo, a ver quen tivo o detalle, que teño bastantes amigos, para agradecérllelo persoalmente".
O peor desta situación é que agarda que o chamen por un transplante e el oficialmente desaparecera do sistema, por iso precisaba que lle deran solución canto antes. E chegou, dez días tardaron en arranxalo e como resucitar non se resucita todos os días, pensou en que tal cousa merecía unha celebración a altura.
"Son as festas patronais da Mezquita, vou facer unha necrolóxica co meu nome, con sentido do humor. Subín primeiro a noite anterior polas necrolóxicas e despois fun á festa e recibín o pésame persoal. Está ben isto de morto".
Antonio foi hostaleiro durante anos, afeccionado ás motos e de espírito rockeiro, se ten que elixir un artista non dubida. Agora máis ca nunca.
"O meu ídolo é Elvis, e temos bastante en común: el morreu un 16 de agosto e eu nacín un 16 de agosto. Mira ti, e el está vivo e eu tamén".
Di que esta estraña experiencia decidiu afrontala cun sorriso, que agora nada lle doe, e que el se sente máis ca vivo.