Publicador de contidos
Publicador de contidos

Redúcense a 22 os incendios forestais activos en Asturias

Redúcense a 22 os incendios forestais activos en Asturias

Estiman que a vaga de lume calcinou máis de 11.000 hectáreas

G24.gal 01/04/2023 20:21 Última actualización 01/04/2023 20:31

O Goberno de Asturias baixou á fase 1 a alerta por incendios forestais tras controlar ou estabilizar a maioría dos 71 lumes que continuaban vivos este sábado na comunidade.

As condicións meteorolóxicas axudaron, ao chegar a chuvia e baixaren as temperaturas, e na última hora os incendios reducíranse a 22.

Os efectivos de apoio despregados estes días empezaron a marchar, entre eles os membros da UME e os equipos enviados desde Galicia.

O presidente do Principado insistiu no carácter premeditado e organizado dos lumes e cualificou os responsables de terroristas.

"Son terroristas porque a estratexia seguida nesta ocasión estaba destinada a causar dano e puxeron en risco a vida de persoas".

Adrián Barbón puntualizou que puido haber centos de mortos e o responsable do servizo de emerxencias corroborou que se pasaran momentos moi duros.

"Con moito perigo para os intervenientes e para os habitantes dos núcleos rurais".

Esta vaga de lume, iniciada o mércores, é a peor que sofre o Principado desde 2017. Falta facer as medicións exactas, pero calculan que só na parte occidental da comunidade, a máis afectada, arderon máis de 11.000 hectáreas.

Chegou a haber 135 lumes simultáneos, que obrigaron a desaloxar localidades enteiras. Houbo que evacuar case 400 persoas, suspender clases e cortar estradas. As lapas estragaron cortes, segundas vivendas e vehículos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade