Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rajoy nega que coñecese a Kitchen e defende a inocencia de Fernández Díaz

Rajoy nega que coñecese a Kitchen e defende a inocencia de Fernández Díaz

O expresidente do Goberno ampárase no dereito á presunción de inocencia mentres non exista unha sentencia xudicial

Cuca Gamarra asegura que "non se busca a verdade", senón "o desgaste do adversario"

Rajoy asegura que non coñece a Villarejo e que non lle enviou mensaxes

Mariano Rajoy nun momento da súa comparecencia na comisión de investigación da operación Kitchen no Congreso
G24.gal 13/12/2021 17:27

O expresidente do Goberno Mariano Rajoy defendeu este luns no Congreso a inocencia do seu exministro do Interior Jorge Fernández Díaz e o seu número dous, Francisco Martínez, procesados na trama de espionaxe ao extesoureiro do PP: "Non creo que montasen ningún dispositivo".

Non tiña "ningunha gana" de vir á comisión e "prefería estar a tomar un café", pero durante máis de dúas horas e media, Rajoy dedicouse a asegurar que nin sabía nada da suposta operación Kitchen nin ninguén lle falou dela, tampouco o seu número dous, a exsecretaria xeral do partido María Dolores de Cospedal.

"A presunción de inocencia mantense ata que a resolución xudicial sexa firme", asegurou Rajoy na última sesión da comisión que investiga a trama parapolicial presuntamente urdida en 2013 polo Ministerio do Interior para facerse con documentos comprometedores para o PP en poder do extesoureiro do partido Luis Bárcenas.

Tras preguntarlle sobre o financiamento ilegal do PP, o expresidente tamén negou a existencia dunha contabilidade paralela e subliñou que o partido foi condenado como partícipe a título lucrativo, unha figura que esixe que se descoñecesen os feitos, que atribuíu a Bárcenas

En resposta ao portavoz socialista, Felipe Sicilia, Rajoy dixo ter unha "magnífica" opinión do exsecretario de Estado de Seguridade Francisco Martínez, volveu negar que vise algunha vez a Villarejo ou que intercambiara mensaxes con el e comentou que a exsecretaria xeral do partido María Dolores de Cospedal nunca lle dixo que recibise o excomisario no seu despacho da sede de Xénova.  

"Non coñezo o señor Villarejo e nin sequera me consta velo en ningún sitio, polo tanto, non me reunín con el nunca, non falei con el nunca -nin directa nin indirectamente-, non me consta que me mandase ningunha mensaxe e xamais na miña vida lle contestei unha mensaxe", resumiu Rajoy ante a primeira pregunta sobre o comisario.  

No marco da súa intervención, o expresidente tamén resaltou que "nunca" coñeceu da existencia da denominada operación Kitchen. "Polo tanto, non dei ningunha instrución", precisou.

Despois, dixo descoñecer se o policía tiña o seu teléfono, pero apuntou que o número que utilizaba antes debíano ter "como mínimo 500 persoas".  Tras lembrar que Villarejo deu distintas versións sobre se se coñecían ou non e sobre se falaran ou non entre eles, o expresidente dixo en varias ocasións que tanto o comisario como Bárcenas non lle merecen "ningunha credibilidade".  

A xuízo de Rajoy, as acusacións de Villarejo e Bárcenas enmárcanse no dereito da súa defensa e, polo tanto, "sinalan a quen lles convén". "Non lles dou credibilidade", defendeu, porque como "teñen problemas serios" nos tribunais "teñen dereito a mentir e din o que queren".

Por iso, non dubidou case ao final da súa comparecencia en reprochar aos deputados o seu "afán" en usar a Villarejo como "argumento de autoridade". Ante os receos dalgúns deputados de que Rajoy non fose informado da espionaxe, o expresidente chegou a espetar: "Teño que dicir a verdade e se non van crerme a que me traen aquí".

Non foi a única pílula que lanzou aos deputados, que ata lles deu un consello "de fronte ao futuro" para que obriguen a demostrar en comisións de investigación parlamentarias a inocencia de exrresponsables políticos.

"Aquí hai moita xente que veu plasmar os seus prexuízos e a acusar con medias verdades ou con medias mentiras. A xente ten dereitos", lamentou Rajoy que ironizou sobre alcumes que se lle atribuíron como "O Barbas" ou "O Asturiano": "Non me xera ningún problema, coma se me din "o Chinés".

Na súa comparecencia, a última da comisión, accedeu acompañado da portavoz do PP, Cuca Gamarra, e doutros representantes do partido, como Ana Pastor. Coa comparecencia de Rajoy danse por finalizadas as declaracións na comisión de investigación da Kitchen, e nuns días publicarase o informe coas conclusións finais.

O PP asegura que buscan "o desgaste do adversario"

Pola súa banda, Cuca Gamarra asegurou que o PSOE e o resto de partidos buscan fomentar unha "causa xeral" contra a formación e buscar o "desgaste do adversario". "Non se busca a verdade, senón desgastar a alternativa política", indicou a dirixente do PP na súa quenda de intervención na comisión parlamentaria.

Na súa opinión, esta comisión "nunca debeu existir" ao obedecer ao "ánimo do espectáculo" con conclusións que "estaban escritas moito antes de que comezasen os traballos".

Gamarra, que falou por primeira vez nesta comisión, onde habitualmente intervén o deputado Luis Santamaría, cargou contra o "PSOE e os seus ilustres socios, comunistas, independentistas e demais representantes da esquerda radical", aos que se sumaron "outros partidos da oposición" nesta comisión.

Equiparou a comisión a un "xuízo sumarísimo" onde "todo vale" e con sesións que son "mera literatura", con "veladas insidias e xuízos de valor interesados" formulados "baixo o escudo da inviolabilidade parlamentaria".

"Lamento que vostede, que presidiu o Goberno de España, teña que comparecer nesta comisión", sinalou dirixíndose a Rajoy.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade