Renfe endurece as políticas de reserva dos abonos gratuítos para evitar o uso fraudulento
Renfe endurece as políticas de reserva dos abonos gratuítos para evitar o uso fraudulento
Renfe ampliou a unha hora (actualmente son 10 minutos) o tempo en que unha reserva debe ser formalizada ou, en caso de non realizar a viaxe, anularse
Realizará controis aleatorios nos seus servizos de Media Distancia e Avant para comprobar o uso correcto dos títulos bonificados
Co obxectivo de reducir o uso fraudulento dos abonos gratuítos e bonificados, Renfe adoptará novas medidas na súa política de reserva de prazas. Ademais, Renfe lanzará unha campaña de concienciación á cidadanía na que se incide que o mal uso dos abonos supón un prexuízo para o resto dos cidadáns que desexan realizar os seus desprazamentos.
Na actualidade, a marxe de tempo para formalizar ou anular unha viaxe nos percorridos de Media Distancia é de 10 minutos. Coas novas medidas, os usuarios que non vaian utilizar a praza reservada cos abonos deberán cancelala cun mínimo de 60 minutos de antelación.
Ademais, no caso de que, polo menos en tres ocasións, non cancelasen a praza con antelación, perderán o dereito para adquirir novos abonos durante os seguintes 30 días.
Cabe destacar que Renfe enviará previamente ao viaxeiro, con ocasión das dúas primeiras cancelacións non realizadas coa antelación mínima requirida, senllas comunicacións ao contacto facilitado polo mesmo, que lle advirta das posibles consecuencias.
Este endurecemento de Renfe prodúcese pola cantidade de usuarios de abonos Avant e Media Distancia convencional que reservan varias prazas e despois non viaxan e tampouco as anulan, o que dificulta que outros viaxeiros con necesidade de desprazarse neses horarios e traxectos poidan conseguir a súa praza. Aínda que non realicen esa viaxe, na venda de billetes non se pode comprar esas prazas desocupadas xa que aparecen como "tren completo".
Por outra banda, tamén se detectaron usos fraudulentos en viaxeiros que usan os abonos doutros titulares. Renfe lembra que os abonos obxecto de subvención son nominativos (o DNI debe coincidir co usuario do abono). Ademais, sinala que realizará controis aleatorios nos seus servizos para comprobar que se cumpre un uso correcto destes títulos bonificados.
No caso de detectarse incumprimento da normativa aplicaranse as medidas antifraude establecida nestes servizos.
Cambio de horarios
E este martes entran en vigor as modificiacións que Renfe introduciu nas horas de saída e chegada dalgunhas frecuencias do tren do eixo atlántico.
Os cambios afectan a dúas frecuencias da mañá: o das 6.40, que agora sae ás 6.35, o das once, que sae a menos dez; o das dúas e media, que se adianta cinco minutos, igual que o das catro e media.
E finalmente, pola noite, o das 21:35 sae agora ás dez menos dez.
As chegadas dende A Coruña atrásanse de media seis minutos.
Son modificacións que buscan adaptarse ás necesidades dos ususarios, pero que non convencen a todos.
Os viaxeiros sinalan que, máis que modificar os horarios, o que necesita este traxecto é aumentar o número de trens.
Cómpre estar atentos aos paneis informativos porque tamén hai novos horarios nos Avant entre Ourense, Santiago e A Coruña.
Estas modificacións axústanse aos enlaces cos trens de longa distancia que conectan Galicia coa meseta.