Rexistran a Asemblea de Melilla por mor da trama de compra de votos no 28M
Rexistran a Asemblea de Melilla por mor da trama de compra de votos no 28M
O presidente de Melilla, Eduardo de Castro, non deu detalles sobre os requerimentos xudiciais e asegurou que pola súa parte haberá "cooperación absoluta"
Axentes da Policía Nacional rexistran este venres dependencias do Palacio da Asemblea de Melilla, que alberga a corporación municipal, nunha operación relacionada coa presunta trama de compra de votos por correo nas eleccións municipais do 28 de maio. O caso atópase baixo segredo de sumario.
En conferencia de prensa, o presidente de Melilla, Eduardo de Castro, informou de que, á súa chegada á primeira hora ao seu despacho no Palacio da Asemblea, axentes da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional comunicáronlle un auto do Xulgado de Instrución número 2 de Melilla. Isto é un mandato xudicial que, segundo aclarou, non ía dirixido a el se non que lle requería a realización unha serie de notificacións. O presidente melillense non deu detalles desas actuacións por estar declaradas secretas, pero si confirmou que o que lle pedía o xulgado “fíxose de xeito inmediato”.
De Castro asegurou que se puxo ao dispor da UDEF “para todo o que precise e sexa necesario”, mostrando deste xeito a súa "cooperación absoluta”, porque “todo o que sexa que interveña a Policía é serio e que cada cal asuma as súas responsabilidades”.
O presidente melillense negou que a policía rexistrase o seu despacho, e deixou claro que, se se tivese que facer, “non habería ningún problema”, porque di que non ten nada que ocultar e o seu ordenador “está aberto”.