Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reynders está "moi atento" ás emendas sobre terrorismo na lei da amnistía

Reynders está "moi atento" ás emendas sobre terrorismo na lei da amnistía

O comisario de Xustiza esperará a ter o texto final para avaliar as emendas

Comisario de Xustiza, Didier Reynders. Comisario de Xustiza, Didier Reynders.
G24.gal 26/01/2024 10:37

O comisario de Xustiza, Didier Reynders, pronunciouse este venres en relación as emendas sobre terrorismo na lei da amnisía. Deixou claro que non vai reaccionar a "cada etapa" de tramitación parlamentaria, porque esperará a ter un texto definitivo para avaliar se respecta os límites do Dereito comunitario. A pesar disto, recalca que observa "moi atento" a evolución das emendas.

"Dixen dende o inicio que hai que prestar moita atención a todo o que constitúe unha parte de lexislación europea sobre criminalidade, e o terrorismo é parte dela. Así que estaremos moi atentos pero, repito, non imos reaccionar a cada etapa do debate sobre o texto", así o declarou o comisario á prensa en Bruxelas, á súa chegada a unha reunión de ministros de Xustiza da UE, en que tamén participa Félix Bolaños.

Segundo explica Reynders, esta espera débese a que aínda hai emendas que "poden intervir en calquera sentido" sobre a forma definitiva que adoptará a norma. Así mesmo, indica que mantén o diálogo coas autoridades españolas ás que transmitiu todas as preguntas de Bruxelas sobre a lei de amnistía para ter "todos os detalles" na súa avaliación.

Mediación para o CXPX

O comisario tampouco desvelou se a Comisión Europea(CE) aceptará a petición do PSOE e PP para que asuma un papel de facilitador entre ambos e así desbloquear a reforma do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Segue a reflexión sobre como se podería poñer en práctica unha "eventual" participación no diálogo.

Quixo deixar claro que, en primeiro lugar, han de ser as forzas políticas implicadas en España as que "asuman o compromiso" de cumprir coas recomendacións do informe anual sobre Estado de dereito da Comisión Europea.  Lembrou que "non é habitual" que o Executivo comunitario participe neste tipo de procesos,

Nas recomendacións do informe, sinálase a "urxencia" de renovar o CXPX e "inmediatamente despois" emprender a reforma do seu sistema de elección de vogais.

"O primeiro é a posta en marcha das recomendacións. Espero que se avance na materia. Veremos coa presidenta da Comisión se hai unha etapa complementaria que poñer en marcha no contexto da discusión dos principais partidos en España", explicou o político belga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade