Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ribadavia restrinxe o consumo de auga e habilita depósitos para uso doméstico

Ribadavia restrinxe o consumo de auga e habilita depósitos para uso doméstico

Coa alerta pola seca, o Concello restrinxe a subministración a dúas horas pola mañá e outras dúas pola tarde

O Goberno municipal asegura que non é quen de garantir xa a subministración

O aumento da poboación durante o verán sumado á falta de chuvia, deixou as reservas en mínimos históricos

G24.gal 12/08/2022 15:19

Decretada a alerta por seca no concello de Ribadavia. O Goberno municipal asegura que non é quen de garantir xa a subministración. O aumento da poboación durante o verán, e con ela do consumo de auga, sumado á falta de chuvia, deixou as reservas en mínimos históricos.

O plan de emerxencias municipal restrinxe a subministración a dúas horas pola mañá e outras dúas pola tarde. Desde o Concello chaman ademais ao consumo responsable. Os veciños entenden as medidas e asumen que deben ser solidarios para que a auga chegue a todos.

O concello de Ribadavia ten pouco máis de 5.000 habitantes. Unha cifra que se incrementa no verán coa chegada de turistas e o consumo da auga aumenta tamén. Habitualmente captan a auga deste regato, o Maquiáns, pero ante a falta de chuvia, o caudal está en mínimos e non chega para abastecer toda a poboación.

Ante esta situación o concello xa activou o Plan de emerxencias municipal. A subministración restrinxiuse a dúas horas pola mañá e outras dúas pola tarde.

Instaláronse ademais 26 depósitos de mil litros en todos os núcleos de poboación onde poden acudir os veciños a coller auga para uso doméstico. Desde o Concello fan un chamamento ao consumo responsable, que os vecños asumen mesmo con humor.

Ante a falta de previsión de chuvia e que o caudal do río Maquiáns xa non é abondo para abastecer o depósito municipal, o Concello e a empresa concesionaria están redobrando esforzos para lograr en tempo récord captar auga do río Avia e levala á planta potabilizadora. Calculan que a obra estará lista en 8 días.

A solidariedade chega tamén desde os concellos veciños como Beade, Cortegada, Carballeda e Melón que cederon o uso de camións cisterna e mesmo a Brilat se ofreceu a facilitarlles vehículos alxibe para subministrar auga á poboación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar