Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Peroxa segue en estado de emerxencia polo alto risco de que desborde o Miño

A Peroxa segue en estado de emerxencia polo alto risco de que desborde o Miño

O río está en situación de alerta ao seu paso por Lugo, Ourense e Salvaterra de Miño

Tamén hai alerta no Mendo e o Mero, en Betanzos, no Tambre, en Oroso e no Mandeo en Aranga

G24.gal 21/01/2023 12:45 Última actualización 21/01/2023 19:34

Malia que a situación dos ríos tende a estabilizarse, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mantén activo o Plan Especial ante o risco de Inundacións en Galicia (INUNGAL).

Segundo a información recibida polo 112 mediante os sistemas de control, continúan en seguimento por superar o nivel de desbordamento os seguintes ríos:

-O Miño, en estado de emerxencia (risco alto), ao seu paso pola Peroxa; e en situación de alerta ao seu paso por Lugo, Ourense e Salvaterra.

-O Mendo e o Mero, en Betanzos, en alerta.

-O Tambre, en Oroso, en alerta.

-O Mandeo, en Aranga, en alerta.

Situación na Peroxa

Neste concello ourensán continúan moi pendentes do caudal do río. Segundo unha veciña, aínda non chegou ao nivel máis alto rexistrado hai anos.

As vivendas semella que non corren perigo, pero estes días xa houbo inundacións en varios puntos do municipio.

"Aquí xa estamos afeitos a estas subas do nivel, os danos son os previsibles, caída de muros, as desfeitas que hai polo paseo, pola beira do Miño", asegura un veciño.

Nas últimas horas, remitiron as precipitacións. Coas previsións meteorolóxicas actuais, agardan poder volver á normalidade nos vindeiros días.

Decrece o caudal en Salvaterra

O río Miño ao seu paso pola provincia de Pontevedra tamén está desbordado. Salvaterra é un deses vinte concellos onde existe ese perigo e de feito o acceso en coche ao paseo fluvial da vila segue pechado.

Ningún vehículo pode traspasar a liña que conduce ao paseo fluvial e ao Parque da Canuda. Pero a pé son moitos os que chegan ata a beira do río, a este paseo que non está completamente anegado pero a onde si chegou o Miño.

Pouco a pouco o nivel decrece debido á marea baixa e a que leva moitas horas sen chover nesta fronteira entre Galicia e Portugal. 

Despois dun comezo de ano cheo de incidencias, chegamos a ver un dos peiraos flotantes á deriva Miño abaixo, nas últimas horas non houbo incidencias relacionadas co desbordamento do río, nin na parte galega nin  na portuguesa.

Coas previsións apuntando a un anticiclón o leito do Miño irá volvendo ao seu.

O Miño ao seu paso por Ourense

As ondas do Miño rachan na área recreativa de Oira coma se fose un espigón marítimo. Nin rastro das duchas nin das piscinas.

Río abaixo, o leito alcanza unha anchura poucas veces vista na cidade. Ao ano 2000, remóntase a veciñanza para comparar.

Das áreas termais, a pé de río, tampouco hai rastro. No muíño da Veiga só asoma, con dificultade, o teito do propio muíño. As pozas están uns catro metros máis abaixo.

Ata as aves se vén afectadas pola enchente, segundo comproba Antonio Ferreirós, ornitólogo da Sociedade Galega de Historia Natural.

"Hai máis dificultade para alimentarse, así que van a zonas con menos corrente, con menos movemento de auga".

Iso si, o río xa baixou un metro con respecto a onte e o caudal tamén vai a menos. Ao non haber previsión de chuvias agárdase que a situación se normalice ao longo da fin de semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade