Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rouban en Ribadavia as xoias da Virxe do Portal durante a novena

Rouban en Ribadavia as xoias da Virxe do Portal durante a novena

A patroa do Ribeiro sairá mañá en procesión sen as alfaias doadas polos fregueses

Imaxe da Virxe do Portal, anterior ao roubo
G24.gal 07/09/2022 14:38

No derradeiro día da novena, os fregueses acoden á misa coa esperanza de recuperar algún día as xoias da Virxe do Portal, as que loce cada 8 de setembro cando sae en procesión polas rúas da vila, e que son testemuña da devoción que esperta aquí, e do outro lado do Atlántico.

"Hai xente que as mandou de Venezuela, de Alemaña... e devotos de aquí de Ribadavia. Tiña un medallón grandísimo cunha medalla e moitas outras medallas", comenta unha freguesa.

Ninguén se atreve a poñer un cifra. Milleiros de euros, din, entre cadeas, pendentes e colgantes de ouro. Pero o peor, aseguran, é o impacto emocional.

"Aquí hai moita xente moi devota e o roubo foi horrible. Quedou todo o pobo mal", di unha integrante do coro.

O roubo produciuse no terceiro día da novena, despois das once da mañá.

"Ás once da mañá aínda as tiña e cando viñeron as camareiras xa non llas viron", sinala unha veciña.

Pensan que se coou durante a misa e que agardou agochado a que a igrexa quedase baleira.

"Estaba todo pechado, din que igual se meteu nun confesionario e esperou a que marchara a xente", explica un veciño.

A Virxe xa ten xoias novas, doazón tamén dos seus devotos, pero aínda non decidiron se as lucirá na procesión ou se as deixarán custodiadas nun lugar seguro.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade