Rubiales declara na Audiencia Nacional pola acusación de agresión sexual a Hermoso
Rubiales declara na Audiencia Nacional pola acusación de agresión sexual a Hermoso
O expresidente da RFEF previsiblemente repetirá os argumentos que veu mantendo desde a final do Campionato do Mundo de fútbol feminino e insistirá en que o bico que lle deu á xogadora foi consentido
Case un mes despois da vitoria da selección feminina do Mundial de fútbol en Sidney, o xa expresidente da Federación Luis Rubiales senta ante un xuíz da Audiencia Nacional para declarar como investigado polo bico na boca que deu á xogadora Jenni Hermoso durante a entrega de trofeos.
A investigación lévaa a Audiencia Nacional porque os feitos xulgados aconteceron nun país estranxeiro. O mundialmente coñecido bico será agora analizado desde todos os ángulos, tamén os momentos anteriores e posteriores.
O proceso penal comezou tras a querela da Fiscalía. Para isto foi preciso que a xogadora denunciase o seu ex-xefe. Facíao o venres pasado. É previsible que Luis Rubiales volva repetir ante o xuíz o que dixera ante a Asemblea Xeral da Federación sobre ese bico. "Foi espontáneo, mutuo, eufórico e consentido", dicía o presidente.
E inda que os medios filtrasen o día antes que supostamente ía dimitir, Rubiales cambiaba o guión para sorpresa de algúns. "Non vou dimitir, non vou dimitir", reiterou. Díxoo ata cinco veces, entre aplausos dos seus, aplausos polos que algúns logo tiveron que desculparse.
Pero a Rubiales, acurralado por unha onda de indignación que traspasou as fronteiras e suspendido pola FIFA, non lle quedou outra e ao final e dimitía o pasado domingo. "Non podo seguir co meu traballo", argumentaba.
A Fiscalía cre que Rubiales puido cometer un delito de agresión sexual, penado con ata catro anos de cárcere, e outro delito de coaccións, penado con ata tres, polas presións que a futbolista di que recibiu do seu superior e da súa contorna para que o apoiase e xustificase publicamente o sucedido.