Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda abre a porta a aprobar a taxa turística tras reunirse con Bugallo

Rueda abre a porta a aprobar a taxa turística tras reunirse con Bugallo

O presidente da Xunta pídelle ao alcalde de Santiago que materialice a proposta con datos: “En que consistiría, como se modularía e que importe podería ter”

Alfonso Rueda e Xosé Sánchez Bugallo este venres en Santiago (EFE/Xoán Rey)
G24.gal 21/10/2022 13:37

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, analizaron este venres a petición do Concello de Santiago de instaurar unha taxa turística na cidade. A Xunta amosouse aberta a permitila, aínda que esta cuestión debería contar coa “habilitación legal” do Parlamento.

O presidente da Xunta encomendou ao rexedor compostelán que “peche a proposta” e indique en “que consistiría, como se modularía e que importe podería ter”.

"Primeiro coñecer con máis profundidade como sería esa taxa deseñada para Santiago e despois, se se aplicase, habería unha habilitación legal que só afectaría aos concellos que quixesen poñela, loxicamente e volvo dicir que a hoxe só a propuxo o concello de Santiago. Non é unha cuestión de anos desde logo, é unha decisión que se pode tomar durante o ano que vén", asegurou Rueda.

Pola súa banda, Bugallo dixo que en “dous ou tres meses” podería presentar estes datos e trasladalos ao Executivo autonómico que, por primeira vez, non descarta permitir esta taxa na Comunidade galega. 

"Na próxima reunión do Consello da Capitalidade intentaremos levar xa unha proposta o máis pechada posible, porque iso requiriría seguramente dous ou tres meses articulala para podela presentar; pero coincidimos plenamente en que a taxa turística ten que ser voluntaria para os concellos", explicou Bugallo.

Taxas a parte, no encontro do presidente e o alcalde da capital de Galicia constataron que non vai haber candidatura única galega para acoller a sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial.

O presidente da Xunta e o alcalde de Santiago evidenciaron o seu entendemento en numerosas cuestións pendentes na cidade e citáronse para unha próxima reunión do Consello da Capitalidade na que se abordará esa implantación da taxa turística.

Tras unha xuntanza que se estendeu durante dúas horas e que foi o máis longa das que o presidente galego mantivo cos rexedores cos que se viu ata o momento -A Coruña e Ourense-, ambos os responsables públicos puxeron de relevo que se atoparon con “moitos máis puntos de encontro que desacordos”.

Acordaron prever por convenio a forma das futuras ampliacións do Complexo hospitalario de Santiago e a colaboración do Concello co Centro de Cultura Gastronómica de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos