Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda anima os empresarios iberoamericanos a investir en Galicia

Rueda anima os empresarios iberoamericanos a investir en Galicia

O presidente galego di que a nosa comunidade é unha garantía pola súa estabilidade

Rueda anunciou ademais unha próxima reunión con Castela-León e Asturias para reivindicar máis infraestruturas 

G24.gal 23/01/2023 17:22 Última actualización 23/01/2023 18:17

 O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, animou publicamente este luns en Vigo os empresarios iberoamericanos a investir en Galicia, territorio do que destacou a súa estabilidade.

“En Galicia somos politicamente estables e Iberoamérica é a nosa quinta provincia en varios países, polo que temos moito traballo avanzado e debemos aproveitar as vantaxes e abrir os ollos ante investimentos que poden ser unha oportunidade”, dixo Rueda.

O presidente falou durante un encontro empresarial organizado polo Consello Empresarial Alianza por Iberoamérica (CEAPI) e o Círculo de Empresarios de Galicia.

 Rueda referiuse, por exemplo, ao crecemento do PIB galego no catro trimestre de 2022, dun 2,5 por cento, aos máis de 27.400 millóns en exportacións ata novembro, ou ao feito de que Galicia sexa a terceira comunidade con menor cociente de débeda por habitante e a segunda que paga con máis axilidade as súas facturas.

O presidente da Xunta destacou que máis de dúas mil empresas galegas exportan a Iberoamérica e agradeceu o papel crucial que as asociacións de empresarios de orixe galega ou o propio CEAPI desempeñan no impulso das relacións comerciais coa comunidade.

Rueda falou da estabilidade política e financeira de Galicia como unha garantía para atraer investimentos. Pero recalcou tamén que a estabilidade ten que ir acompañada de infraestruturas. Lembrou o encontro que vai ter o próximo venres cos presidentes de Castela e León e Asturias, precisamente, para reivindicar infraestruturas parecidas ás do Levante no noroeste de España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade