Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda defenderá en Bruxelas unha transición enerxética planificada para Galicia

Rueda defenderá en Bruxelas unha transición enerxética planificada para Galicia

O presidente da Xunta asume este xoves a vicepresidencia do Comité de Rexións da Unión Europea

Rueda agarda que o novo comisario de Pesca sexa máis receptivo ás peticións do sector en Galicia

(EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 19/02/2025 13:08

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, viaxa este xoves a Bruxelas, onde asumirá a vicepresidencia do Comité de Rexións da Unión Europea para o próximo ano e medio. Rueda reunirase tamén coa vicepresidenta executiva da Comisión Europea, a española Teresa Ribera, ante a que defenderá unha transición enerxética planificada para Galicia.

O presidente da Xunta anuncia ademais un encontro co comisario de Pesca, Costas Kadis, para trasladarlle as necesidades do sector do mar e quen lle vai expoñer a "mala experiencia" para o sector pesqueiro galego na etapa anterior.

"Somos un país marítimo, unha rexión marítima, e necesitamos que nos deixen seguir explotando eses recursos. Estamos interesados en coidalos e en explotalos", incidiu Rueda, que lembrou as decisións "contra o sector de pesca de arrastre" do anterior comisario.

Ademais, ante Costas Kadis, o presidente galego pedirá que a Comisión Europea mire polos produtos galegos e do resto da UE para que poidan competir "en igualdade de condicións" ante os de terceiros países "que non seguen as regras e todas as garantías esixidas en Europa".

Deste xeito, Rueda pedirá que a Unión Europea promova un marco equitativo na extracción e comercialización pesqueira internacional.

Respecto á xuntanza con Teresa Ribeira, "que coñece perfectamente a situación de Galicia", sinalou Rueda, "necesitamos avanzar nunha transición enerxética xusta e planificada. Ninguén discute o novo modo de producir enerxía e de protexer o medio ambiente e tamén o aproveitamento dos recursos que temos", afirmou.

Ao preguntarlle por se falará con ela especificamente do proxecto de Altri en Palas de Rei, Rueda dixo que "non é o obxecto desa reunión". En calquera caso, dixo, que de modo xeral "estaría dentro das cuestións que lle quere transmitir; que Galicia necesita non deixar pasar oportunidades", remarcou.

"Somos os primeiros interesados en cumprir a normativa ambiental. Temos confianza no que se diga tecnicamente por parte da Xunta e trasladaremos esa confianza a Europa. E se as cousas -o proxecto- vai para diante, se ten o visto e prace (ambiental e técnico), pediremos o apoio económico que necesitan os proxectos empresariais en Galicia", concluíu.

Durante a súa intervención no Comité de Rexións defenderá a importancia das institucións europeas para as rexións que a conforman e "a necesidade ter unha adecuada cantidade e a posibilidade de xestionar fondos europeos", dixo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade