Rueda lamenta que o Goberno non convide a Xunta ao cumio hispanoluso
Rueda lamenta que o Goberno non convide a Xunta ao cumio hispanoluso
Rueda pide concreción de prazos e investimentos para rematar o AVE ata a raia canda Portugal
O presidente da Xunta asegura que o Goberno galego, a día de hoxe, non está convidado ao Cumio Ibérico, que se celebrará o vindeiro venres 4 de novembro en Viana do Castelo.
Alfonso Rueda insta o Goberno de España a que, nesa cita, adquira compromisos reais sobre o AVE entre Vigo e o Porto. Pide que se fale de prazos e de orzamentos.
"É moi importante que se definan xa os prazos, é unha infraestrutura moi custosa de facer e pagar e hai que empezar a dar pasos xa", asegurou nun encontro sobre cooperación entre Galicia e o norte de Portugal na lusa Vila Real.
O presidente galego amósase "bastante preocupado" porque ata o de agora só existe o compromiso por parte de España de facer o seu treito e considera que "non hai tempo para esta indefinición".
Por iso, agarda que no cume que reunirá os gobernos de España e de Portugal se avance neste proxecto. Tamén no futuro estatuto do traballador transfronteirizo, acordado en xuntanzas anteriores pero aínda non implementado.
Intensificar as relacións
Entre as prioridades da cooperación entre Galicia e o norte luso tamén está "intensificar moito máis as relacións interpersoais" entre universidades e outras entidades cos fondos comunitarios.
"Se somos capaces de pechar un programa POCTEC no novo período económico que se abre agora tan frutífero como o anterior sería moi bo", considera.
Apelou ademais a reforzar aínda máis as relacións entre empresas galegas e portuguesas, que creceron nos últimos anos.
"Hai tanta competición en Europa que creo que temos que sumar, en automoción, en téxtil e en turismo", salienta.