Rueda desvelará cambios na estrutura da Xunta na sesión de investidura
Rueda desvelará cambios na estrutura da Xunta na sesión de investidura
O presidente do Parlamento confirmoulle que o proporá como candidato á Presidencia da Xunta
Rueda afirma que acepta esta responsabilidade con "máis ilusión" que hai dous anos e que está perfilando agora a composición e a estrutura do novo executivo
BNG e PSdeG piden cambios de calado na Xunta e non só na estrutura
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, confirmou que vai realizar cambios de estrutura no Goberno galego que prevé desvelar a semana que vén, durante o debate para a súa investidura que se celebrará o martes, 9 de abril, e o xoves, día 11.
Esta mañá reuniuse co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que cumpriu co trámite de comunicarlle que o propoñerá como candidato á Presidencia da Xunta , xa que ten o apoio da maioría que representa o PPdeG.
Rueda destacou que acepta esta responsabilidade mesmo con "máis ilusión" que hai dous anos, cando substituíu a Alberto Núñez Feijóo á fronte do Goberno galego. Pediu "un pouco de paciencia" e de "respecto" ao Parlamento antes de facer públicos os cambios na estrutura do seu Goberno e admitiu que está agora "perfilando" ese Executivo, "non só nos nomes, tamén nalgúns cambios de estrutura" que ó seu xuízo son "necesarios".
Trátase -segundo dixo- de ter "as mellores persoas e o mellor deseño" da nova Xunta, O presidente en funcións confesou que falou con moitas persoas e pediu "moitas opinións" para configurar o seu o novo equipo. Preguntado se o consultou co líder do PP, Alberto Núñez Feijoo, Rueda aclarou: "Ao final teño claro que a decisión é miña e, polo tanto, se acerto ou me equivoco, eu son o máximo responsable, sobre todo se me equivoco".
O xefe do executivo en funcións deu "por suposto" que Feijóo acudirá á súa toma de posesión, que se producirá o sábado día 13. O presidente en funcións explicou que, unha vez celebrado este acto, tentará nomear o seu novo Goberno "canto antes", polo que seguirá o modelo habitual de dar a coñecer a súa composición ese mesmo domingo.
Alfonso Rueda indicou que exercerá o seu cargo "con responsabilidade, sentidiño e a man tendida". Tamén deixou claro que Galicia "ten moito que dicir no contexto nacional" e como presidente vai loitar "para que a comunidade teña o que se merece sen ser máis, pero tampouco menos que outras".
BNG e PSdeG piden cambios importantes na Xunta, non só na estrutura
Socialistas e nacionalistas evitaron este mércores valorar a decisión do presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, de realizar cambios de estrutura no Goberno galego, xa que entenden que as modificacións que se necesitan son máis profundas.
A líder do BNG, Ana Pontón, dixo que prefire abordar esta cuestión “cando saibamos exactamente de que estamos a falar” porque “non se quere anticipar” xa que “é bastante inconsistente”.
Máis aló das modificacións que faga no Goberno da Xunta, a Pontón parécenlle máis relevantes os cambios que poida haber nas políticas do executivo galego para mellorar a sanidade pública ou o modelo de coidados, así como a necesidade en modificar a xestión da enerxía ou as medidas de emprego. “Eses son os cambios relevantes”, subliñou Pontón. Na súa opinión, quizais Rueda o que pretende é “ocultar” co seu anuncio que realmente non ten intención de “rectificar esas políticas que están a afectar” negativamente á vida dos galegos.
Pola súa banda, a deputada socialista Patricia Iglesias dixo que non queren “meterse nas decisións” de Alfonso Rueda, pero si o urxen a que “empece a facer política” e a executar os orzamentos aprobados en decembro despois de dous meses de “inacción” debido ao “atraso na investidura” por unha “decisión persoal de Rueda”.