UGT pide que os antigos bolseiros non paguen por incorporar as prácticas á vida laboral
UGT pide que os antigos bolseiros non paguen por incorporar as prácticas á vida laboral
A organización xuvenil RUGE, de UXT, cre que a medida é discriminatoria, xa que os antigos bolseiros deben asumir tamén a cotización empresarial
A organización xuvenil de UGT, RUGE, quere que os antigos bolseiros poidan incorporar as prácticas á súa vida laboral sen ter que asumir a cotización. O Ministerio de Seguridade Social estableceu que os bolseiros que fixesen prácticas non remuneradas, ou remuneradas anteriores a 2011, poden incorporalas como período traballado sempre que paguen 290 euros por cada mes.
O responsable de RUGE, Eduardo Magaldi, apuntaba no Galicia por Diante que é discriminatorio que os bolseiros deban asumir "tanto a cota obreira como a empresarial". Ademais, lembra que hai outros colectivos aos que se lles recoñeceu o dereito sen ter que aboar nada.
"Os períodos de mili recoñecéronse, e a persoa non tiña que achegar unha cotización, senón que se recoñecía cando se demostraba que a persoa realizara o servizo. Pois aquí tería que ser algo similar".
Magaldi amosouse esperanzado en que o ministerio rectifique os requisitos, xa que cre que nestas condicións pouca xente se acollerá á regularización das prácticas.