Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rusia cumpre a súa ameaza e córtalle o gas a Finlandia por non pagar en rublos

Rusia cumpre a súa ameaza e córtalle o gas a Finlandia por non pagar en rublos

Supón o 5 % da enerxía total que consome o país nórdico

Moscova deixara de abastecerlle electricidade hai unha semana

G24.gal 21/05/2022 08:26

A compañía enerxética finlandesa Gasum confirmou este sábado que o xigante gasístico ruso Gazprom cortoulle a subministración de gas, tal e como anunciara o venres, por non cumprir a súa esixencia de pagar en rublos.

Con esta decisión, Finlandia perde o seu maior provedor de gas natural, xa que Gazprom fornece ao redor do 92 % de todo o gas que consome o país nórdico, sobre todo na industria forestal e no procesamento de produtos químicos. Porén, só supón o 5 % da enerxía total.

Nun intento de reducir a dependencia do gas ruso, hai un mes Finlandia acordou con Estonia alugar de forma conxunta este outono unha terminal flotante de gas natural licuado (GNL), onde se almacenará o gas traído en barcos desde outros países produtores.

Terceiro país da UE

Finlandia é o terceiro país da Unión Europea, tras Polonia e Bulgaria, que deixa de recibir gas ruso por non querer dobregarse ás esixencias de Moscova de pagar en rublos para tentar frear a caída da súa moeda.

No caso de Finlandia, que este mércores presentou formalmente a súa solicitude de ingreso na OTAN facendo caso omiso das ameazas do Kremlin, o corte da subministración de gas súmase ao da electricidade.

Hai xusto unha semana, a compañía enerxética rusa Inter RAO deixou de abastecer electricidade ao mercado finlandés, alegando "problemas para recibir pagos" por mor das sancións europeas. Porén, especialistas do país nórdico achácano a motivos políticos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade