Rusia interrompe o fluxo de gas a Polonia e Bulgaria
Rusia interrompe o fluxo de gas a Polonia e Bulgaria
Ambos os países din que teñen reservas suficientes e que non cederán á chantaxe rusa
Os mercados reaccionan cunha suba do prezo do gas
Catro compradores europeos xa pagaron o gas en rublos, segundo a axencia Bloomberg
A empresa estatal rusa Gazprom interrompeu as súas exportacións de gas a Polonia e Bulgaria este mércores á mañá debido á negativa destes países a faceren pagamentos en rublos.
O xigante gasista ruso confirmaba, a través da súa conta en Telegram, que suspendera por completo a subministración a estes dous países de gas, que chegaba a través dos distribuidores Bulgargaz e PGNiG.
Ao tempo que cortaba a subministración do gas, Gazprom advertía a Sofía e a Varsovia de que "Bulgaria e Polonia son estados de tránsito e en caso de retirada non autorizada de gas ruso dos volumes en tránsito a terceiros países, as subministracións para o tránsito reduciranse neste volume".
Polonia di que no haberá escaseza
O primeiro ministro polaco Mateusz Morawiecki afirmou este mércores que o seu país "non cederá á chantaxe" de Rusia.
"A partir de hoxe acabouse a dependencia de Rusia", dixo o primeiro ministro. "En 2010, asinouse un acordo con Gazprom e hoxe sabemos que non valía nin o papel en que se asinou".
Morawiecki subliñou que os almacéns de gas están na actualidade ao 78 % da súa capacidade e que se encherán ata o 100 %. A ministra polaca de Clima e Medio Ambiente Anna Moskwa engadiu que polo de agora non hai necesidade de buscar novas subministracións".
Bulgaria reconsiderará os seus contratos
Bulgaria reaccionou anunciando que reconsiderará todos os seus contratos con Gazprom, mesmo un de tránsito, en resposta ao que cualifica como “chantaxe inaceptable” por parte da entidade estatal rusa.
Así o dixo o primeiro ministro búlgaro, o proeuropeo e reformista Kiril Petkov, no poder desde decembro pasado. Petkov tamén asegurou que Bulgaria ten un plan de acción con fontes alternativas para facer fronte ao corte de subministración rusa.
“O corte por parte de Gazprom é unha violación dos contratos, unha chantaxe que consiste en aplicar un plan fóra deses contratos de pagamento en rublos a través de terceiras persoas que non garante nin as subministracións nin o diñeiro dos búlgaros. Nós non nos rendemos ante unha extorsión así”, dixo Petkov.
Aseguran que catro compradores de gas xa pagaron en rublos
A Unión Europea tamén rexeitou a medida, en principio; aínda que agora que os prazos empezan a vencer, os gobernos de toda Europa deberán decidir se aceptan as condicións de Putin ou perden as subministracións, co risco de ter que aplicar racionamentos enerxéticos.
Non obstante, a axencia Bloomberg, citando fontes próximas a Gazprom, asegura que un total de dez compradores europeos xa abriron contas especiais en rublos en Gazprombank e que catro xa efectuaron pagamentos na moeda rusa.
Esa mesma fonte, desde o anonimato, indicou que non hai previstos máis cortes de gas ata a segunda metade de maio, cando se deberían producir outros pagamentos de combustible.
O gas sobe máis do 10 % tras os primeiros cortes
O prezo do gas natural para entrega en maio no mercado holandés sobe máis do 10 % este mércores despois de que Rusia cortase a subministración a Polonia e Bulgaria.
A media sesión, o gas natural TTF custa 108,8 euros por megawatt hora (MWh), o cal supón un 10,79 % máis respecto ao peche de onte, segundo os datos do mercado consultados por EFE.
O presidente ruso Vladimir Putin ordenou a finais de marzo que os países "inamigables" pagasen as subministracións en rublos. Entre eses países estaban os EUA, O Canadá, O Reino Unido e todos os estados membros da Unión Europea (UE), en que o gas ruso supón o 40 % do consumo. A decisión producíase como contramedida ás sancións a Rusia pola súa campaña militar en Ucraína.
O mecanismo ideado polo Kremlim para iso establece que eses países considerados hostís deben abrir unha conta especial en rublos e outra en divisa en Gazprombank. A idea era que o banco ruso recibiría o pago na divisa especificada no contrato de subministración de gas, o euro ou o dólar, e logo converteríao en rublos no mercado de divisas de Moscova, o MICEX, e depositaríao na conta de rublos do comprador.