Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rusia nega que o mísil lanzado contra Ucraína fose intercontinental e di que era hipersónico

Rusia nega que o mísil lanzado contra Ucraína fose intercontinental e di que era hipersónico

O obxectivo do ataque, segundo a defensa ucraína, eran "fábricas e infraestruturas críticas" da cidade de Dnipro

Os Estados Unidos tamén negan que fose un mísil balístico intercontinental

O lanzamento deste mísil interprétase como unha resposta de Rusia á ofensiva ucraína con mísiles de longo alcance de fabricación occidental autorizada pola adminstración Biden

Bombeiros actuando sobre un dos edificios danados en Dnipro (Press service of the State Emergency Service of Ukraine/vía Reuters) Bombeiros actuando sobre un dos edificios danados en Dnipro (Press service of the State Emergency Service of Ukraine/vía Reuters)
G24.gal 21/11/2024 10:20 Última actualización 21/11/2024 13:44

As forzas rusas lanzaron un mísil balístico intercontinental este xoves "contra fábricas e infraestruturas críticas" da cidade de Dnipro, situada no centro de Ucraína, segundo informou a Forza Aérea ucraína.

Trátase da primeira vez nesta guerra en que se empregaría un mísil destas características, nun ataque no que ademais tamén se usaron outros tipos de mísiles. En concreto un mísil aerobalístico Kh-47M2 Kinzhal e sete mísiles de cruceiro Kh-101.

Un extremo que foi negado por EEUU e o presidente ruso, Vladímir Putin, que dixo que bombardeou o país cun novo mísil balístico hipersónico sen carga nuclear.

O lider ruso afirmou que Moscova resérvase o dereito para usar o seu arsenal contra instalacións militares de países que permiten a Kiev usar os seus mísiles para golpear territorio ruso.

Trátase dun mísil de alcance medio Oreshnik, que foi lanzado contra unha instalación do complexo militar-industrial de Ucraína, explicou Putin nunha mensaxe á nación emitido pola televisión pública.

"En resposta ao uso de armas de longo alcance estadounidenses e británicas, o 21 de novembro deste ano, as Forzas Armadas rusas lanzaron un ataque combinado contra unha das instalacións do complexo militar-industrial de Ucraína", sinalou o líder ruso.

As defensas ucraínas aseguran que puideron derrubar seis dos sete mísiles de cruceiro, pero non interceptaron o mísil balístico intercontinental nin o Kinzhal, que son dous dos mísiles máis sofisticados do arsenal ruso.

Segundo o parte da Forza Aérea ucraína, os mísiles non derrubados non causaron danos “substanciais”.

Previamente, as autoridades da rexión de Dnipropetrovsk, da que Dnipro é a capital, informaron dun ataque masivo contra o oblast no que se produciron danos en “unha infraestrutura industrial” da cidade.

Zelenski: "Rusia usa Ucraína como campo de probas"

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, afirmou este xoves que Rusia "está a utilizar Ucraína como campo de probas" do seu armamento, despois dese ataque sobre Dnipro cun mísil balístico intercontinental.

“Hoxe utilizouse un novo mísil. Todas as características, a velocidade, a altura, son as dun mísil balístico intercontinental. Hai unha avaliación en marcha”, dixo Zelenski.

Este ataque prodúcese despois de que os EUA, España, Italia e Grecia pechasen o mércores as súas embaixadas en Kíiv ante o perigo dun ataque masivo ruso contra territorio ucraíno.

Nas últimas xornadas o conflito escalou na súa dimensión logo de que o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, autorizase a Ucraína ataques sobre territorio ruso con mísiles dos EUA.

Mentres, Rusia aprobaba unha nova doutrina que permite unha resposta nuclear a un ataque convencional.

A autorización dos Estados Unidos materializouse o martes co primeiro ataque contra Rusia empregando ese arsenal, e posteriormente o mércores noutro no que se usaron mísiles balísticos británicos.

Este mesmo xoves Rusia aseguraba que as súas defensas antiaéreas derrubaran dous mísiles británicos de longo alcance Storm Shadow, sen precisar onde foron abatidos.

O Kremlin di que os ataques ucraínos son "unha nova escalada" e que desexa evitar un conflito nuclear

Respecto a eses ataques con mísiles de longo alcance de fabricación occidental en territorio ruso o Kremlin considerou hoxe que se trata dunha "nova escalada".

"Ten lugar unha nova escalada. A postura da administración saínte (nos Estados Unidos) é moi irresponsable. Segue botando leña ao lume do conflito", dixo Dmitri Peskov, voceiro presidencial.

Os Estados Unidos "utilizan Ucraína como instrumento no seu propio beneficio e na súa guerra con Rusia", denunciou.

O voceiro do Kremlin aseguraba que Rusia fai todo o posible para evitar un conflito nuclear. "Subliñamos no contexto da nosa doutrina nuclear que Rusia mantén unha postura responsable no sentido de facer o máximo esforzo para impedir un conflito desa clase", dixo Dmitri Peskov, quen engadiu que confía en que "outros países tamén asuman a mesma posición responsable e non leven a cabo acciones provocadoras".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade