Sánchez anuncia 64.000 novas prazas para educación infantil de cero a tres anos
Sánchez anuncia 64.000 novas prazas para educación infantil de cero a tres anos
A medida aprobarase no Consello de Ministros do martes vindeiro
Implica un investimento de 660 millóns de euros nos próximos tres anos
Pedro Sánchez estivo apoiando a Ximo Puig no peche do 14 congreso dos socialistas valencianos en Benidorm. No acto de clausura, anunciou que precisamente Benidorm será a sede dunha nova plataforma intelixente de destinos turísticos de España. E un anuncio máis coa vista posta no próximo Consello de Ministros:
"Este vindeiro martes no Consello de Ministros imos destinar 660 millóns de euros nos próximos tres anos, ata o ano 2024, para abrir máis de 64.000 prazas de cero a tres anos para os nosos nenos e as nosas nenas".
Sánchez dixo que agora o emprego e a economía crecen "con vigor", malia que a dereita diga que España está en creba. Explicou que a socialdemocracia representa solidariedade e "espírito de comunidade" para saír todos xuntos da crise:
"Ou se avanza ou se retrocede. E pódese retroceder en salarios, en dereitos laborais, en dereitos sociais, en recortes ao Estado de benestar, e soamente hai unha forma de avanzar. Esa forma de avanzar, que é avanzar en salarios, en benestar social e en dereitos e liberdades civís só ten un nome e é o nome do Partido Socialista Obreiro Español".
O líder do PSOE incidiu, por último, en que o Goberno toma en serio a saúde mental e sinalou que debe formar parte da atención médica universal.