Sácanlle o can a un veciño de Poio despois de que o animal atacara unha muller e matara un gato
Sácanlle o can a un veciño de Poio despois de que o animal atacara unha muller e matara un gato
O animal, de raza perigosa, está agora na canceira, pero non descartan que con reeducación poida ser adoptado
A Policía Local de Poio retirou un can de raza pitbull ao seu propietario despois de varios incidentes. Hai dúas semanas atacou unha veciña e a súa mascota e o xoves pasado foi denunciado por matar un gato, polo que agora está na canceira municipal.
Segundo a información da Policía Local, o animal fuxiu este xoves por un buraco do valado da casa onde estaba, na zona de monte Bouza, na parroquia de Raxó, e atacou un gato ata matalo.
Hai dúas semanas, o oito de marzo, xa escapara e atacara a unha muller, producíndolle lesións a ela e á súa mascota.
O propietario do pitbull carece de licenza municipal, polo que despois do primeiro ataque a policía solicitou a retirada cautelar do animal.
Despois do segundo ataque e á espera da orde cautelar, os axentes chegaron a un acordo co dono para a cesión do animal, que desde aquela está baixo os coidados da canceira de Poio.
"Os responsables da canceira de Poio din que desde que está aquí, o animal está a amosar un bo comportamento, polo que pensan que coa educación axeitada podería volver ou ben cos seus propietarios cando regularicen os papeis, ou ser adoptado por outro propietario responsable".
O propietario do can enfróntase agora a unha sanción por ter un can potencialmente perigoso sen licenza, deixalo solto, sen adoptar as medidas necesarias para evitar a súa fuxida e deixar o can nun lugar público sen bozo nin correa.