Sada rende homenaxe ás mulleres do mar cun mural urbano, obra de Yoseba Muruzábal
Sada rende homenaxe ás mulleres do mar cun mural urbano, obra de Yoseba Muruzábal
O artista inspirouse nunha fotografía de mediados do século pasado
Mariflor é unha das mulleres que aparece na imaxe
Cando Mariflor mira o mural reencóntrase coa moza de dezaoito anos que foi e revive as miserias, o futuro incerto e o traballo extenuante. O autor, Yoseba Muruzábal, inspirouse nunha fotografía de mediados do século pasado, unha imaxe que é moito máis que a típica postal mariñeira.
As cinco mulleres que deixaron por un instante o traballo para mirar á cámara son parte substancial da historia de Sada, mulleres bravas reivindicadas agora a golpe de pincel, mulleres que, como lembra Mariflor, ían todos os días camiñando ata Betanzos co impoñente peso das patelas sobre a cabeza e que, despois de venderen o peixe, regresaban a Sada para fregar no río e atender a casa e os fillos.
O mural é a única obra exterior da exposición Somos Mar que organizou o Festival Mar de Mares. Na capela de San Roque nove artistas reflexionan sobre a nosa relación cos océanos. Olladas sobre un mar que foi sustento para familias coma a de Flor.
A moza da foto ten hoxe 86 anos e mira agradecida e orgullosa a obra mentres repasa en voz alta os nomes de cada unha das mulleres retratadas.