San Xoán 2023: A maxia e o lume inundan Galicia na noite máis curta do ano
San Xoán 2023: A maxia e o lume inundan Galicia na noite máis curta do ano
Na Coruña sumáronse ás celebracións unhas 150.000 persoas
Cada cidade, barrio ou aldea e mesmo cada vivenda celebraron a tradición nunha noite de calor que marcou o comezo do verán
O 112 informa que as festas deixan tres queimados, 60 liortas, 154 intervencións sanitarias e a busca dunha rapaza de 15 anos en Lalín que non regresou ao seu fogar
Este 23 de xuño o tempo acompañou as celebracións de San Xoán con temperaturas ás tres da mañá superiores aos 26 graos, por exemplo, en Carnota, e Galicia sumouse por todos os seus recunchos á primeira festa grande do verán.
As lapas nas tradicionais cacharelas apareceron por todo o país e unha vez pasado o tempo da sardiñada e a queimada, tocou saltar as fogueiras que arderon ata o amencer: nese momento había que pasar a cumprir o último ritual da xornada para espantar aos malos espíritos: lavar a cara coa auga do ramo de San Xoán coas sete flores principais e as que engaden en cada lugar.
Pero se hai un lugar con especial apego á celebración do San Xoán é A Coruña. A maxia e o lume volveron asolagar este san Xoán a cidade, na noite máis curta e especial do ano, á que se sumaron máis de 150.000 persoas.
"Por San Xoán, a sardiña molla o pan", di o refraneiro popular que, un ano máis, converteuse en realidade na Coruña e en toda Galicia, onde a emblemática celebración do solsticio de verán se converte nun ritual sacro.
A clave, coma cada noite do 23 ao 24 de xuño, é asegurarse de que se espantan ás meigas outros 365 días, para o que se tira de lume, auga e herbas.
A Axencia Galega de Emerxecias a través do 112 atendeu ao longo desta noite de San Xoán ata 476 incidencias nas que a súa maior parte corresponden a intoxicacións etílicas e pelexas. Segundo detallou Marcos Araújo, xerente da Axencia Galega de Emerxencias, nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, tres persoas tiveron que ser atendidas por queimaduras en saltos de cacharelas. Dúas delas en Ares e unha en Miño, aínda que non entrou en detalles acerca da gravidade das queimaduras sufridas.
Segundo detallou, das 476 intervencións, 154 foron intervencións sanitarias, na súa maioría por alcol. De feito, indicou que "houbo que tratar a rapaces e rapazas por alcol e foron as que máis dominaron" e a continuación indicou que foron requiridos polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado por "pelexas e agresións, en total 60".
"Houbo que tratar a rapaces e rapazas por alcol e foron as que máis dominaron"
Araújo cifrou en 8 os requirimentos por roubo, 5 por agresións, 4 en incendios urbanos e 8 en incendios en contedores. Así mesmo fixo fincapé en que dos 13 accidentes de tráfico rexistrados non houbo feridos e destaca que non houbo ningún morto.
Marcos Araújo tamén apuntou que a primeira hora da mañá Forzas e Corpos de Seguridade estaban buscando unha rapaza de 15 anos de Lalín que saíu de festa e que aínda non volvera á casa.
Incidencias por lugares
Por lugares onde se concentraron incidencias relacionadas co San Xoán, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias dixo que en Vigo tiveron 36 incidencias, na Coruña 30, en Nigrán 24, en Santiago 12 e en Pontevedra 9.