Sánchez acusa a PP e Vox de urdir un "complot" para "amordazar" o Parlamento
Sánchez acusa a PP e Vox de urdir un "complot" para "amordazar" o Parlamento
"De todo o vivido hoxe no Tribunal Constitucional e no Congreso dos Deputados hai unha conclusión: que a democracia e a Constitución prevalecerán", recalcou
Aprobada a reforma do Constitucional e a modificación do Código Penal nun pleno moi tenso
O presidente do Goberno Pedro Sánchez afirmou que a dereita e a ultradereita, en referencia ao PP e Vox, urdiron un "complot" para tentar "amordazar" o Parlamento e "secuestrar" o Tribunal Constitucional, pero asegurou que "a democracia e a Constitución prevalecerán" fronte a esas actitudes.
Sánchez interpretou desta forma o intento do PP de que o Tribunal Constitucional paralizase a tramitación parlamentaria da reforma do Código Penal, que inclúe a modificación das leis do Consello Xeral do Poder Xudicial e do propio Alto Tribunal.
"A democracia e a Constitución prevalecerán"
Na comparecencia de prensa que ofreceu este xoves ao remate da reunión do Consello Europeo que se celebrou en Bruxelas, o xefe do Executivo recalcou que a intención era manter o bloqueo do Tribunal Constitucional da mesma forma que se mantén o bloqueo para renovar o órgano de goberno dos xuíces "tras secuestrar a Constitución durante catro anos".
"De todo o vivido hoxe no Tribunal Constitucional e no Congreso dos Deputados hai unha conclusión: que a democracia e a Constitución prevalecerán", recalcou.
Insistiu na súa idea de que houbo un intento de "amordazar" e "atropelar" o Parlamento co bloqueo dunha votación, algo que subliñou que non ocorrera desde o inicio da etapa democrática.
"Hoxe o Parlamento puido exercer a súa tarefa con plena normalidade e a pesar deste complot que vimos tan basto da dereita e a ultradereita", engadiu Sánchez antes de alertar de que "non todo vale" e de que non se pode chamar ao Goberno "ilexítimo, criminal ou golpista", como se escoitou nos últimos anos por parte de partidos que cre que non teñen ningún proxecto que ofrecer.
Sánchez reiterou que non se pode permitir o secuestro do Consello Xeral do Poder Xudicial e do TC e hai que respectar o resultado das urnas e a separación de poderes.
"En definitiva, hai que respectar a democracia, e nunha democracia os poderes emanan do pobo", engadiu.