Sánchez anuncia axudas directas de 200 euros e un imposto ás enerxéticas
Sánchez anuncia axudas directas de 200 euros e un imposto ás enerxéticas
O cheque será para rendas inferiores a 14.000 euros e beneficiará 2,7 millóns de persoas
As pensións non contributivas soben un 15 % e os abonos de transporte serán un 50 % máis baratos
O Goberno bota man da calculadora e destinará nove mil millóns máis ata finais de ano para rebaixar a inflación en 3,5 puntos no segundo semestre. Entre as medidas aprobadas no consello de ministros extraordinario, destacan unha axuda única para autónomos con salarios baixos e parados, e a suba das pensións non contributivas:
"O Goberno de España aprobou unha axuda directa de 200 euros para traballadores autónomos e para desempregados que teñan ingresos baixos, e esta axuda vaise poder solicitar durante o mes de xullo."
"Imos aumentar nun 15 % as pensións de xubilación e invalidez non contributivas. Estamos falando dun aumento de 60 euros ao mes para esas pensións non contributivas."
Mantéñense as axudas que estaban en vigor contra a inflación neste segundo trimestre, como a bonificación de 20 céntimos no litro de combustible. Ademais, o IVE da luz descenderá do 10 % actual ao 5 % e haberá rebaixas para fomentar o uso do transporte público:
"Unha redución do 50 %; repito, do 50 % do prezo de todos os bonos mensuais e de calquera título multiviaxe de transporte terrestre prestado polo Estado ou entidades estatais, e ademais un 30 % de redución para os bonos de transportes prestados polas comunidades autónomas e entidades locais".
O imposto que gravará os beneficios extraordinarios das compañías enerxéticas entrará en vigor o 1 de xaneiro do ano que vén, pero quedan semanas para que se aprobe. Sánchez recoñeceu que están analizando o que fan outros países europeos, especialmente Italia, no deseño deste tributo.
Ademais, vaise prorrogar ata setembro o aprazamento do pago das cotas á Seguridade Social para o sector pesqueiro, agrario e para o transporte. Finalmente, limítase o custo máximo da bombona de butano ao prezo actual de 19,55 euros ata finais de ano.