Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez anuncia a reforma do delito de sedición cunha rebaixa de penas

Sánchez anuncia a reforma do delito de sedición cunha rebaixa de penas

O presidente do Goberno avanza que o PSOE e UP levarán este venres ao Congreso a proposición de lei para substituír o delito por outro de "desordes públicas agravadas*

Aragonès: A derrogación da sedición abre camiño para resolver o conflito

O PP acusa a Sánchez de humillar a nación

Sánchez descarta o cesamento de Marlaska pola traxedia de Melilla

Imaxe de arquivo do presidente do Goberno (EFE) VIDEO: LaSexta Especial ARV entrevista ao Presidente
G24.gal 10/11/2022 21:45 Última actualización 11/11/2022 10:35

O presidente do Goberno Pedro Sánchez anunciou este xoves a presentación de forma inmediata no Congreso dunha proposición de lei para rebaixar as penas por delito de sedición.

Sánchez, nunha entrevista na Sexta, avanzou que esa proposición será presentada este venres polo grupo socialista e o de Unidas Podemos no rexistro da Cámara Baixa.

Así, substituiríase o delito de sedición por outro delito de "desordes públicas agravadas" e con penas máis baixas.

O xefe do Executivo defendeu as decisións "valentes e audaces" que foi adoptando para rebaixar a tensión en Cataluña, e nese contexto xustificou a proposición de lei que se presentará este venres para homologar o Código penal, dixo, ás principais democracias europeas.

O delito de sedición, que lembrou que foi redactado en 1822, será modificado e pasará a denominarse de "desordes públicas agravadas", o que considera "un paso definitivo" para a modernización destes tipos delituosos.

Sánchez negou que esta decisión sexa unha esixencia de ERC para aprobar os orzamentos xerais do Estado e lembrou que ata o de agora non había maioría parlamentaria suficiente para que saíse adiante a reforma.

Aragonès: A derrogación da sedición abre camiño para resolver o conflito

O presidente da Generalitat, Pere Aragonès, asegurou este venres que a "derrogación" do delito de sedición permite avanzar cara ao "fin da represión" sobre o movemento independentista e supón un "paso adiante no camiño da resolución do conflito político" entre Cataluña e o Estado.

O presidente catalán celebra o "acordo" alcanzado co Goberno para "eliminar o principal delito polo que foron condenados" a prisión nove líderes independentistas polo referendo unilateral do 1 de outubro de 2017.Este "acordo", destacou, permite "profundar no proceso de desxudicialización" xa que supón unha "mellora para o conxunto das persoas represaliadas".

"Coa derrogación da sedición é máis difícil perseguir inxusta e arbitrariamente ao movemento independentista", celebrou, aínda que recoñeceu que aínda "queda camiño por percorrer" ata a "completa desxudicialización do conflito", sen renunciar á amnistía.

O PP acusa a Sánchez de querer permanecer na Moncloa

Fontes do PP critican con dureza na noite do xoves a proposta de rebaixar as penas do delito. "O presidente do Goberno confirmou que o Código penal do noso país é a moeda de cambio co independentismo para facilitar a súa permanencia no Palacio da Moncloa un ano máis". 

Aseguran que esta reforma non se daría en ningún pais europeo e din que as leis de España "non poden redactarse na sede de ERC".

"En ningún país europeo se tocaría o delito de sedición da man dos sediciosos", din dende a formación conservadora.O PP ve a Sánchez como un presidente que non é digno para España e acúsao de humillar a nación.

En Génova din que están dispostos a entenderse co PSOE, pero non co PSOE de Sánchez.

Feijóo tacha de irresponsable e inxenuo a Sánchez por ceder ao separatismo

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, denunciou este venres a "irresponsabilidade" e "inxenuidade" do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pola súa decisión de derrogar o delito de sedición "da man dos condenados" e advertiu de que o independentismo "nunca, xamais, se conforma".

"Sinto ter razón en que Sánchez pon sempre o seu interese político por encima do de España", lamentou Feijóo nas redes sociais, nas que se mostrou convencido de que "hai unha maioría social que non acepta máis mentiras deste Goberno nin máis chantaxes do independentismo".

Apoio a Marlaska

O presidente do Goberno Pedro Sánchez descartou este xoves o cesamento do ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska pola traxedia de Melilla e reiterou que o Executivo continuará trasladando toda a "información dispoñible" porque "non ten nada que ocultar".

Nunha entrevista na Sexta, Sánchez defendeu que o ministro demostrou o seu respecto á legalidade e colaborou "con todas as investigacións abertas", en referencia á Fiscalía e ao Defensor do Pobo, ademais de render contas no Parlamento."Continuará dando as respostas precisas", indicou.

VIDEO: LaSexta Especial ARV entrevista ao Presidente

O xefe do Executivo sinalou que o Ministerio non ten "nada que ocultar" respecto aos sucesos do 24 de xuño na fronteira española con Marrocos, onde faleceron polo menos 23 migrantes, e lembrou que tamén houbo axentes da Garda Civil que "foron feridos" porque foi, na súa opinión, "unha traxedia de múltiples dimensións".

Neste contexto, Sánchez destacou que o Goberno trasladou "toda a información e as imaxes en bruto", con "transparencia e colaboración", en contra do que fixo o Goberno de Mariano Rajoy, segundo criticou, no ano 2014 no Tarajal.

Preguntado por se o ministro aceptaría unha comisión de investigación no Congreso, Sánchez subliñou que Marlaska compareceu para dar explicacións en diferentes ocasións e que o volverá facer se as Cortes Xerais o requiren. 

Por último, Sánchez reiterou a súa "absoluta confianza" no titular de Interior, de quen destacou o seu "cumprimento estrito coa legalidade" e a súa empatía coa "dimensión humana da migración". Así, sinalou as mafias "que trafican cos seres humanos" como únicas responsables da traxedia en Melilla.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos