Publicador de contidos
Publicador de contidos

Goberno e autonomías acordan baixar impostos ante a carestía da enerxía

Goberno e autonomías acordan baixar impostos ante a carestía da enerxía

Pacto unánime de condena da guerra en Ucraína

Acordo para xestionar de xeito coordinado a acollida de refuxiados ucraínos

G24.gal 13/03/2022 12:53 Última actualización 13/03/2022 20:15

A guerra en Ucraína e as súas consecuencias económicas monopolizaron a primeira conferencia presencial de presidentes coa participación de todos os mandatarios autonómicos desde 2012, cando comezaron a ausentarse destas citas os máximos representantes cataláns.

O Goberno e as comunidades autónomas acordaron intensificar medidas como as rebaixas fiscais para amortecer o impacto da alza dos prezos da enerxía nos recibos que pagan as familias e empresas e outras que se poidan analizar no mesmo sentido.

Na declaración final da conferencia de presidentes afírmase que comparten "a determinación para protexer as empresas, a industria e a cidadanía" cun plan integral de resposta ás consecuencias da guerra de Ucraína en España.

Sánchez lembrou que ata o momento se rebaixaron todos os impostos da luz, o cal suporá entre 10.000 e 12.000 millóns de euros ata finais de anos.

O plan contará coas comunidades autónomas, as forzas parlamentarias e os axentes sociais, e terá en conta os colectivos máis vulnerables. Todos os participantes na xuntanza, coa FEMP entre eles, amosaron a unidade contra a invasión de Putin e o apoio ao pobo ucraíno para facer fronte ás consecuencias que a guerra está a ter no noso país.

Na Declaración da Palma recóllese tamén o apoio ao Goberno de España na súa posición ante o próximo Consello Europeo para que se adopten medidas para lograr unha rebaixa dos prezos da enerxía.

Tamén que se impulse a execución dos fondos europeos por parte de todas as Administracións públicas. Aseguran que son máis importantes ante o novo escenario económico, cunha guerra que Sánchez anunciou que "vai ser longa e pode cronificarse".

E un acordo importante é xestionar de xeito coordinado a acollida de refuxiados ucraínos que permita canalizar a vaga de solidariedade que senten os españois cara aos que chegan fuxindo da guerra.

O Goberno habilitará medios de financiamento para facerlles fronte aos custos que se deriven. O executivo estuda a apertura dun cuarto centro de refuxiados en Málaga. España podería acoller 18.400 refuxiados ucraínos.

Unha das medidas en que traballa a Moncloa, tal como piden varias autonomías, é unha rebaixa impositiva no prezo dos carburantes, que Sánchez podería anunciar a próxima semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade