Santiago acolle o primeiro Foro de Enfermidades Neurodexenerativas
Santiago acolle o primeiro Foro de Enfermidades Neurodexenerativas
No encontro, que se celebra esta semana, participa persoal médico, investigador e doentes
Unha 10.000 persoas padecen párkinson, 4.500 esclerose múltiple e 200 ELA en Galicia
Santiago acolle esta semana o primeiro Foro de Enfermidades Neurodexenerativas, organizado pola Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Ela en colaboración coa USC.
Durante tres días, falarase da realidade que afrontan as persoas afectadas polas enfermidades do sistema nervioso, os avances médicos e a investigación nese campo.
Entre o martes e o xoves polas tardes, máis dun centenar de persoas asistirán en Santiago ás primeiras xornadas sobre enfermidades neurodexenerativas: a esclerose múltiple, o párkinson e a esclerose lateral amiotrófica.
A asociación que reúne as persoas afectadas por estas enfermidades é a organizadora do encontro.
"Temos un programa de atención integral que vai desde a recepción das familias, das persoas afectadas, asesorándoas, e o complementamos cunha rehabilitación integral con servizos de fisioterapia, logopedia, atención psicolóxica, terapia ocupacional, preparación física".
Intervirán doentes para contar a súa experiencia. Tamén profesionais do mundo da medicina e da investigación para expor os avances clínicos.
"Cando aparece e se diagnostica a enfermidade de párkinson son xa morreron máis do 50 % das neuronas dopaminérxicas, que son as que morren nesta enfermidade. Aí é difícil establecer un tratamento neuroprotector. Nesa liña, temos un traballo enfocado a buscar biomarcadores que nos permitan detectar na poboación que persoas teñen risco de padecer a enfermidade".
A xornada do martes dedicarase á esclerose múltiple, a do mércores ao párkinson e a do xoves á esclerose lateral amiotrófica.