Os medios non poderán retransmitir en directo a lectura de cargos contra Trump
Os medios non poderán retransmitir en directo a lectura de cargos contra Trump
Os movementos do expresidente Trump foron seguidos minuto a minuto nas horas previas á súa comparecencia ante o fiscal. Á súa saída da residencia Mar-a-Lago, na Florida, foi despedido polos seus seguidores nas rúas, ata subir ao seu avión privado, que engalaba a mediodía destino Nova York.
Aterraba tres horas e media despois no aeroporto de LaGuardia, en Queens, e toda a comitiva de dez vehículos dirixíase á Torre Trump, onde pasou a noite e vai agardar ata esta tarde para comparecer ante o gran xurado. Tras tomárenlle as pegadas dixitais, escoitará os cargos que lle imputan por suborno, por silencio e encubrimento, de 130.000 dólares á actriz porno Stormy Daniels, durante a campaña electoral de 2016. A incriminación pode superar os 30 cargos.
Os seus avogados, que xa adiantaron que Trump se declarará inocente, pedíronlle ao xuíz que prohiba a presenza de cámaras na Corte. Varios medios de comunicación pediran transmitir a audiencia. Non é para menos. Será a primeira vez que vexamos un expresidente procesado con cargos penais. A expectación é máxima, igual que as medidas de seguridade nun Manhattan blindado. Para as próximas horas hai convocada unha concentracións diante do edificio do xulgado de seguidores republicanos para apoialo.
Pero xa polo visto nas horas previas á comparecencia, o expresidente republicano Trump intenta converter todo este feito inédito nun show do que sacar réditos electorais. De momento, xa recadou cinco millóns de dólares para a súa campaña como candidato á reelección nas presidenciais de 2024.
Na súa rede social Truth, Trump informaba da súa comparecencia e remataba con esta frase: "Os Estados Unidos non se supón que sexa desta maneira!". O expresidente segue falando de interferencia electoral, de persecución política e cualificaba de corrupta a Fiscalía de Nova York.
Tras a súa comparecencia, esta noite, ten previsto voar de volta á Florida e ofrecer un discurso desde a súa residencia.