Publicador de contidos
Publicador de contidos

Seguen baixando os nacementos en Galicia

Seguen baixando os nacementos en Galicia

Galicia rexistra algo máis de 6.800 nacementos na primeira metade do ano, un 1,5 % menos ca o ano pasado

Baixan un 8,3 % os falecementos na comunidade galega nas 30 primeiras semanas de 2023, ata os 19.073

G24.gal 16/08/2023 12:55

Galicia rexistrou un total de 6.826 nacementos na primeira metade do ano, entre os meses de xaneiro e xuño, o que supón unha baixada do 1,48 % con respecto ao mesmo período de 2022. Con todo, este descenso sitúase entre os máis suaves de todas as comunidades autónomas.

De acordo cos datos publicados este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE), en toda España os nacementos nos primeiros seis meses do 2023 caeron un 2,51 %, máis que o 1,48 % da comunidade galega.

Galicia sitúase así no cuarto posto de baixada de entre as autonomías. Só anotan descensos máis suaves a Comunidade Valenciana (-0,07%), Estremadura (-0,38%) e a Comunidade de Madrid (-1,2%).

Con todo, se se observa o dato por provincias, só hai dúas das galegas en que diminúen os nacementos con respecto ao ano pasado. É o caso de Pontevedra, onde houbo 2.383 novos bebés ata xuño (-4,12%), e Ourense, con 635 (-1,07%).

No lado oposto están Lugo e A Coruña, onde os nacementos subiron lixeiramente na primeira metade do 2023 en comparación ao mesmo período do 2022. En concreto, naceron 835 lucenses entre xaneiro e xuño, un 0,62 % máis; e 2.973 coruñeses, un 0,04% máis.

Iso si, se se comparan os datos con respecto á primeira metade de 2019, a caída dos nacementos en Galicia sitúase no 11,8 %, un punto máis que a nivel estatal.

Nacementos en xuño

Durante o pasado mes de xuño do presente ano, en Galicia houbo 1.208 nacementos, unha cifra que medrou un 1,26 % , 15 máis, con respecto ás 1.193 do mesmo mes de 2022.

De novo, subiron os nacementos en xuño na Coruña, ata os 532 (+20), e en Lugo, ata 146 (+4); mentres baixaron en Ourense, a 110 (-9), e mantivéronse estables en Pontevedra, con 421.

En toda España, rexistráronse 26.513 neonatos en xuño, polo que o número de nacementos no primeiro semestre do ano ascende a 155.629, un 2,51 % menos en comparación co mesmo período de 2022.

Defuncións semanais

O INE tamén publica este mércores datos de defuncións ata a semana 30 do ano, é dicir, ata o 30 de xullo. Polo tanto, non é comparable ás cifras de nacementos, porque estas últimas chegan só ata xuño.

En todo o Estado, faleceron nas 30 primeiras semanas do ano 255.641 persoas, ao morreren 7.328 na última semana, o que supón un 7,77 % menos ca no mesmo período de 2022 e un 2,48 % máis que nas mesmas semanas de 2019.

En Galicia, no que vai de ano rexistráronse 19.073 óbitos, que son un 8,29 % menos ca o ano pasado, pero un 3,1 % por encima que o dato de 2019. Na última semana analizada, a número 30, faleceron 499 persoas na comunidade galega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade