Segundo día de rastrexos na busca de Divina Peiteado en Vila de Cruces
Segundo día de rastrexos na busca de Divina Peiteado en Vila de Cruces
Esta mañá a busca desenvolveuse nos arredores de Órrea, xa no concello limítrofe da Golada, berce da octoxenaria.
A mellora das condicións atmosféricas propiciou a incorporación de medios aéreos este mércores ao amplo dispositivo de efectivos humanos e un can de busca na procura de Divina Peiteado. A veciña de Toiriz, Vila de Cruces, de 82 anos, que está en paradoiro descoñecido desde o luns á tardiña.
"Estamos a tratar de encontrala como sexa. Porque a climatoloxía non axuda moito; hoxe nin tan mal, pero onte á mañá facía frío, estaba pechado de néboa, á tarde choveu... e a desesperación que teñen agora os fillos é comprensible". di Susana Cea Viéitez Voluntaria de Protección Civil en Vila de Cruces.
Os catro fillos de Divina están ao pé do terreo canda varias ducias de persoas voluntarias, como Ramón, que esta mañá rastrexaban camiños e sendas nos arredores de Órrea, lugar xa do concello de Agolada, onde naceu a octoxenaria.
"Empecei ás nove da mañá, bordeando o regato e... nada, non vin ningunha pista dela nin nada de nada...", di Ramón.
Susana Cea explica que "un camioneiro chamou un dos fillos, e que lle dixo que o luns sobre as nove da noite vira unha persoa que coincidía un pouco coa descrición de súa nai na ponte que hai aquí. De feito, unha das veces que conseguiran falar coa señora, a descrición que lle deu da zona (en que estaba) si coincidía un pouquiño cuns camiños que hai aquí. De momento non atopamos nada".
A busca prosegue e pola tarde incorporaranse máis voluntarios na procura de Divina.