A rapazada regresa ás aulas tras o Nadal, pero non os seus móbiles
A rapazada regresa ás aulas tras o Nadal, pero non os seus móbiles
Poderanse usar coa supervisión dos docentes, como ferramenta con fins pedagóxicos e educativos
O veto abrangue os períodos non lectivos: recreo, comedores e nas entradas e saídas
Volta ao colexio nesta xornada despois das vacacións de Nadal, e con novidade. Desde hoxe o uso dos teléfonos móbiles está prohibido en toda a xornada escolar nos centros educativos galegos. Tan só se poderán usar, coa supervisión dos docentes, como ferramenta con fins pedagóxicos e educativos.
“Parécenos adecuado porque os rapaces tan pequenos non teñen esa capacidade para saber o que está ben e mal aínda no uso dos teléfonos. E no caso da rapaza de trece, é parte da formación que lle debemos dar como pais para aprender a usar esas ferramentas que neste caso o teléfono tamén é unha ferramenta necesaria” explica David pai dun neno de 9 anos e dunha rapaza de trece.
E precisamente para este fin si está permitido o seu uso: como ferramenta pedagóxica e sempre baixo a supervisión do profesorado e tamén por razóns de emerxencia médica. Esta medida entra en vigor hoxe e parece que con boa acollida por parte das familias.
Di Alba, nai de dous nenos de tres e sete anos, que aínda que os seus fillos son polo de agora moi pequenos e non teñen móbil, "si que estou de acordo pois é unha forma de controlar o uso dos móbiles que tantos problemas trae agora mesmo en nenos máis maiores".
A diferenza do que pasaba ata agora, o veto abranguerá toda a xornada escolar, incluídos os períodos non lectivos. Isto é, non se permiten no recreo, nin nos comedores e tampouco antes nin despois das actividades extraescolares, así como non se poderán usar á entrada e saída do colexio.
Os centros de FP de grao superior, as escolas de idiomas e as escolas de adultos quedan excluídas da prohibición.