Rueda reitera que é posible baixar impostos e mellorar os servizos públicos
Rueda reitera que é posible baixar impostos e mellorar os servizos públicos
O presidente da Xunta respondeu na sesión de control ás críticas de Ana Pontón, que lle reprochou que é mentira que se poida facer máis con menos
Rueda atribuíu a unha "metedura de pata" ou a un "erro técnico" que o PSdeG pida unha comisión de investigación sobre o destino dos fondos covid
Para facer fronte á pandemia da covid-19, a Xunta gastou 100 millóns máis dos que tiña asignados polo Goberno de España. Explicouno o presidente Alfonso Rueda na cámara ao grupo socialista, que preguntaba na sesión de control polo destino de 159 millóns de euros dos que non tiña claro o destino.
Na mesma sesión, a líder do BNG, Ana Pontón, volveulle reprochar a Rueda a decisión de reducir o imposto de patrimonio. O presidente da Xunta recordou que están aplicando baixadas fiscais a todos os galegos, comezando polas rendas medias e baixas.
Minuto a minuto
Comeza a sesión de control ao presidente da Xunta.
Luís Álvarez dille a Rueda que hai 159 millóns de euros que deberían ter como destino o gasto sanitario e que non foron destinados para tal fin.
Álvarez a Rueda: "Pode asegurar aquí que se gastaron todos eses fondos para combater a grave crise sanitaria do coronavirus?".
Remata a quenda do voceiro socialista e reponde o presidente da Xunta
Rueda dille a Álvarez que "as cantidades repartidas foron inxustamente repartidas e que Galicia recibiu 735 millóns de euros".
Rueda: "Nós gastamos ao final 611 millóns de euros como recoñece o Consello de Contas, 100 millóns de euros máis do que nos deron para gastos covid".
Remata Rueda e é a quenda de réplica do voceiro socialista.
Álvarez: "Aquí cada vez que se lles fai unha pregunta que os incomoda, criticamos os técnicos da Consellería e da Xunta".
Álvarez afirma que Rueda "ten hoxe un papelón para responder á pregunta que lle formulou" e quere claridade para saber a que se destinaron eses 159 millóns de euros.
Álvarez a Rueda: "Cre que cambiar a cuberta dun edificio é un gasto xerado pola pandemia da covid? Eu creo que non".
Remata a intervención do voceiro socialista e Rueda fai o peche á pregunta .
Rueda a Álvarez: "Non sabe como saír desta metedura de pata".
Remata a intervención de Rueda e intervén Ana Pontón
Pontón di que Rueda non foi capaz de explicarlles aos galegos e galegas "que ten de positivo baixarlles 34 millóns de euros aos 7.700 billonarios deste país".
Pontón a Rueda: "Esta é unha medida inexplicable, inxusta e insolidaria que atenta contra o benestar dos galegos e das galegas".
Pontón di que "é o Partido Popular, coa que está caendo, o que financia con recursos públicos palcos vip e gasta 2,5 millóns de euros nun só concerto".
Pontón: "Dende o BNG o que lle pedimos é que retire ese pelotazo fiscal que lle está impoñendo o PP desde Madrid porque é inxusto, insolidario e porque vai encontra do interese xeral".
Remata a Pontón e contesta Alfonso Rueda.
Rueda: "En materia de xestión e eficacia eficiente dígolle unha cousa, para acertar nós imos seguir facendo exactamente o contrario ao que vostedes din que hai que facer e así acertaremos".
Ana Pontón ten a quenda de réplica
Pontón: "Pídolle que non lle falte ao respecto á intelixencia dos galegos e galegas porque con menos faise menos e con menos recursos para os servizos públicos faise menos".
Pontón dille a Rueda que "a quen lle interesa que se lles baixe os impostos aos ricos é aos ricos porque eles non necesitan da sanidade pública nin a educación pública".
A voceira nacionalista pídelle a Rueda que "retire unha medida inxusta, insolidaria e que atenta contra o benestar dos gelegos e das galegas" e que "hai que subir o imposto de patrimonio".
Quenda de peche do presidente da Xunta.
Rueda pídelle a Pontón "un pouco de respecto aos conselleiros de Facenda, que son os que deseñan os orzamentos para que despois poidamos baixar os impostos á xente".
Rueda di que Galicia é a terceira comunidade autónoma de réxime común con menos débeda pública.
Rueda pregúntalle a Pontón "por que nunca lles dedica un minuto aos fondos Next Generation que tantos postos de traballo poden xerar".
Remata a sesión de control a Alfonso Rueda e continúa o pleno do Parlamento de Galicia.