Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda anuncia a posta en marcha dunha nova edición do Bono Comercio

Rueda anuncia a posta en marcha dunha nova edición do Bono Comercio

Na sesión de control ao Goberno do pleno do Parlamento, avanzou esta "medida concreta, das moitas que vai haber", das que dixo que xa falará no próximo debate do estado da autonomía

O 9 de outubro será cando os galegos poderán empezar a descargarse o Bono Comercio, segundo informou o Goberno galego

G24.gal 27/09/2023 09:07 Última actualización 27/09/2023 14:46

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este mércores a posta en marcha dunha nova edición do Bono Comercio, por un total de 2,5 millóns de euros, para aforrar 30 euros en compras no comercio de proximidade, que estará activo no mes de outubro.

Na sesión de control ao Goberno do pleno do Parlamento, avanzou esta "medida concreta, das moitas que vai haber", das que dixo que xa falará no próximo debate do estado da autonomía. Precisamente, será cando se inicie ese debate, o 9 de outubro, cando os galegos poderán empezar a descargar o bono comercio, segundo informou o Goberno galego tras a intervención de Rueda, xa que está previsto que a medida sexa aprobada no Consello da Xunta deste xoves.

Nesta cuarta edición, a contía total desta axuda será de 2,5 millóns de euros, "para que calquera galego que o queira poida descargalo e aforrar directamente, e desde xa, 30 euros en cada compra", asegurou Rueda, quen considera que se trata "dunha boa medida para loitar contra a inflación".

Esta foi a única medida coa que replicou á oposición que lle reclamou unha batería de actuacións para axudar ás familias galegas ante a crise económica polo incremento de prezos e acusoulle de estar máis pendente dos intereses do PP nacional e da investidura do seu líder, Alberto Núñez Feijóo, que dos problemas dos galegos. 

Cruzamento de acusacións en ton preelectoral polo debate de investidura

A oposición, BNG e PSdeG, cruzou este mércores acusacións polo debate de investidura do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, nun ton xa case preelectoral coa vista posta nos comicios autonómicos.

Na sesión de control ao Goberno do pleno do Parlamento galego, nacionalistas e socialistas reprocharon a Rueda que estea máis preocupado do que pasa en Madrid que nos problemas de Galicia, e o presidente galego acusoulles á súa vez de non defender á comunidade galega fronte ás reclamacións dos independentistas cataláns ante a investidura.

Ana Pontón, asegurou que Rueda está "obsesionado" con ser útil a Feijóo, polo que deixou de preocuparse dos problemas dos galegos neste "tempo de desconto" para as autonómicas, e tenta "tapar desesperadamente" o que vai pasar nesas eleccións, que é "un cambio" na Xunta. Tantas foron as referencias ao líder do PP e o debate de investidura, que Rueda dirixiuse a Pontón chamándoa "señora Feijóo" por erro, o que provocou risas no hemiciclo.

Rueda saíu do paso chanceando con que Pontón fala tanto de Feijóo que lle acaba "contaxiando a súa obsesión", e xustificou, fronte ás críticas da oposición por asistir onte ao debate de investidura, que "hai que estar máis que nunca en Madrid" porque Galicia xoga que lle "furten" fondos para darllos a Cataluña. Así, acusou ao BNG de ser "cómplices" e "coartada para quitarlle a Galicia o que lle corresponde", en referencia aos 450.000 millóns de euros nos que os independentistas cifran a débeda histórica con Cataluña, e que Rueda asegura que van ir para "pagar a investidura" de Pedro Sánchez.

O portavoz do PSdeG, Luís Álvarez, ve a Rueda "en pánico" porque as cousas píntanlle "mal" para as eleccións autonómicas e isto estalle levando ao "colapso" na súa acción de Goberno, con medidas que só son "titulares de propaganda electoralista" como o recente bono deportivo de 120 euros para os alumnos galegos. Por iso, pediulle que mentres siga sendo presidente "tome o control" ou, pola contra, deixe que o pobo "manifeste se quere que siga", en referencia a un posible adianto electoral.

Tanto Pontón como Álvarez destacaron que Feijóo non tivo onte "nin unha soa palabra" sobre as necesidades de Galicia, que mencionou de maneira xenérica, mentres nomeaba "unha a unha" as do resto de comunidades, o que para a líder nacionalista é unha mostra da "irrelevancia" de Rueda como mero "figurante" do PP. "Irrelevancia" é a do BNG no Congreso, segundo Rueda, xa que con "un único deputado" non só dependen de quen "de verdade importan" para a investidura, como ERC e Bildu, senón que "aplauden coas orellas" cando o diñeiro que tería que repartirse entre todas as comunidades "vai ir a unha soa para pagar a investidura".

O titular da Xunta recriminou que fose o exalcalde de Valladolid e deputado socialista Óscar López quen respondese a Feijóo, onte no debate de investidura, e referiuse a el como "o replicante", algo que molestou a Álvarez porque supón "unha falta de respecto". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade