Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda anuncia 7,2 millóns para entidades sociais e defende "evolucionar" as axudas

Rueda anuncia 7,2 millóns para entidades sociais e defende "evolucionar" as axudas

Comedores sociais, albergues de transeúntes e centros de acollida, amais das iniciativas para a inserción laboral, serán as destinatarias da nova partida de axudas

O presidente da Xunta defende que a Tarxeta Básica foi creada en medio dunhas circunstancias que xa non se dan, pero que eses recursos non se retraen senón que se redirixen

G24.gal 13/07/2022 09:39

O BNG e o PSdeG preguntaron este mércores ao presidente da Xunta na sesión de control no Parlamento polas medidas que vai poñer en marcha o Goberno galego para atallar a crise de prezos. Alfonso Rueda anunciou que este mesmo xoves o Consello da Xunta vai aprobar unha orde de axudas por valor de 7.2 millóns de euros para colaborar coas entidades que loitan contra a pobreza. 

Esas axudas estarán destinadas a comedores sociais, albergues de transeúntes e centros de acollida, que verán incrementada a partida autonómica nun 40 por cento. Tamén se verán beneficiadas iniciativas impulsadas por esas entidades para a inserción laboral.

Ademais, Rueda anunciou unha axuda de 240 euros para facilitar a conexión a Internet das familias máis desfavorecidas.

Con todo, o presidente da Xunta defendeu que traballar para lograr "pleno emprego" é a mellor política para poder axudar aos máis desfavorecidos e dixo que antes de rematar o ano se presentará no Parlamento a lei de inclusión social, que cualificou como "o noso guieiro para seguir traballando e estar con quen máis o necesita".

Nas filas da oposición, tanto socialistas como nacionalistas, pedíronlle a Rueda que rectifique e recupere a Tarxeta Básica. Porén, o presidente da Xunta dixo que esa era unha ferramenta creada durante a pandemia nunhas circunstancias extraordinarias que agora non se dan. Con todo dixo que "eses recursos non se van retraer, senón que se redixirán". Así, o presidente defendeu que as axudas deben "evolucionar" para atender "novas necesidades".

O portavoz parlamentario socialista Luís Álvarez insistiu en preguntarlle a Alfonso Rueda "que medidas vai adoptar". "Non anunciar, nin suprimir, senón adoptar para os sectores máis desfavorecidos da comunidade", recalcou o voceiro socialista. "Actúe, adopte medidas e axude á xente que máis o necesita", díxolle.

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG Ana Pontón acusou á Xunta de situarse "de perfil" ante a crise de prezos, algo que atribuíu a que "canto peor, mellor". Asegurou que é a práctica que está levando a cabo o PP para intentar gañar eleccións en Madrid, e que iso prexudica os galegos.

"Canto peor para a maioría dos galegos, cando máis suba a luz, mellor para o PP; canto máis suba o litro de gasolina, mellor para o PP; canto máis o incremento da cesta da compra, mellor para o PP", acusou Pontón.

A líder do BNG defendeu propostas que poderían ir ao próximo Consello da Xunta: aumentar o complemento autonómico das pensións non contributivas e da Risga e facela compatible co Ingreso Mínimo Vital, incrementar os recursos para gastos básicos de vivenda e liñas de axudas para a autónomos e pemes e tamén para o agro e a pesca. "Non esqueza que neste país hai xente que cada día está sufrindo para levantar a persiana", díxolle Ana Pontón.

Rueda retrucóullle asegurando que o BNG está instalado no "catastrofismo" e que non "vai caer no erro", "como Sánchez", de dicir que "Galicia vai ben" e de que "todo é culpa da oposición", pero esgrimiu que Galicia está  en boa situación para afrontar os difíciles meses que veñen por diante.

Reclamou á oposición "que se poña do lado da utilidade" para defender ante o Goberno central reivindicacións de Galicia en materia de fondos europeos e Sanidade, que recordou que tamén reclaman outras comunidades, incluídas Euskadi e Cataluña, e sinalou o BNG para dicirlle que non defenden esta postura para "non molestar os seus socios en Madrid".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade