A Xunta pedirá xulgados para a violencia machista nas sete cidades galegas
A Xunta pedirá xulgados para a violencia machista nas sete cidades galegas
Alfonso Rueda anunciou que o Consello da Xunta elevará a petición ao Goberno central para crear un en Santiago de Compostela este mesmo ano
Ata agora só hai xulgados específicos nesta materia en Vigo e na Coruña
O Goberno galego impulsará un plan, que analizará este xoves o Consello da Xunta, para que, de acordo coa Comisión Mixta co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), se reforce a demanda ao Executivo central de avanzar na creación de xulgados especializados en casos de violencia machista.
O obxectivo da Xunta é avanzar ata dotar con este tipo de salas todas as cidades, dado que ata o momento só A Coruña e Vigo contan cun xulgado específico para abordar os casos de violencia sobre a muller.
O primeiro que urxirán, será o de Santiago de Compostela para este mesmo ano. Así o anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a sesión de control deste mércores no Parlamento de Galicia.
Na sesión de control, a oposición puxo en dúbida o compromiso "feminista" nas políticas da Xunta.
En fronte, o xefe do Executivo galego rexeitou as súas leccións e afeou ao PSOE o "espectáculo lamentable" cos seus socios co gallo da reforma da lei do 'só si é si'. Ao BNG botoulle en cara o seu voto en contra no Congreso, posicionándose, segundo o líder popular, cunha norma que "abarata" as penas dos agresores sexuais.
Tanto Begoña Rodríguez Rumbo (que defendeu hoxe a postura do PSdeG, como a líder do BNG, Ana Pontón, levaron o foco nas políticas da Xunta e puxeron en dúbida o compromiso nas súas políticas de igualdade.
Pontón tamén lle deu en ton irónico a "benvida" a Rueda ao seu defensa dos xulgados específicos de violencia machista, á vez que aseguraba que os populares "votaron en contra" desta demanda na Cámara autonómica.