Sete anos de cárcere por transportar dous quilos de cocaína de Madrid a Ferrol
Sete anos de cárcere por transportar dous quilos de cocaína de Madrid a Ferrol
Os axentes atoparon a droga oculta baixo os asentos posteriores do vehículo
A Audiencia Provincial de Lugo ditou sete anos de cárcere a un home que foi interceptado polos axentes do Corpo Nacional de Policía na rotonda que enlaza a Autovía do Cantábrico coa que comunica Vilalba con Ferrol. No momento no que foi detido pola Policía, levaba no coche dous quilos de cocaína cun valor de algo máis de 90.000 euros no mercado negro.
Cando revisaron o interior do vehículo, os axentes que lle deron o alto atoparon a droga oculta baixo os asentos posteriores do vehículo, "dous paquetes ovalados envoltos en máscaras hixiénicas de cor azul e filme transparente".
Segundo recolle a sentenza, "esta substancia estaba destinada ao tráfico".
“Existen uns feitos incontrovertidos que é a condución do acusado dun vehículo que portaba no seu interior máis de dous quilos de cocaína cunha pureza elevadísima, e que o acusado, vivindo en Madrid, dirixíase á localidade de Ferrol, segundo el para adquirir vehículos de segunda man, aínda cando non portaba máis que 35 euros, e a un lugar que é, dentro da comunidade galega, foco de compravenda de drogas”, engadía a resolución.
"Non resulta crible que non tivese coñecemento do que portaba", conclúe. Na sentenza impónselle sete anos de cárcere como responsable dun delito de tráfico de drogas, así como unha multa de 200.000 euros.