A sida: unha batalla gañada pola ciencia, pero aínda non pola sociedade
A sida: unha batalla gañada pola ciencia, pero aínda non pola sociedade
Os tratamentos médicos lograron converter unha enfermidade letal nun virus aletargado, pero os estigmas sobre os infectados continúan
Ao longo desta fin de semana organízanse actos arredor do día mundial de loita contra esta doenza, que se celebra o 1 de decembro
Cando en 1983 se diagnostican en España os primeiros casos da sida, o nivel de descoñecemento é tal que aínda hai quen lle chama na prensa 'o cancro dos gais'. Este colectivo queda estigmatizado xunto co dos toxicómanos.
"Eran persoas que, ou non tiña familia ou eran rexeitados. E morrían na rúa", lembra Sonia Valbuena, directora de CASCO, o Comité Antisida da Coruña.
Aínda nese terrible contexto, a finais de 1990, xorde CASCO. A situación dará un xiro drástico seis anos máis tarde coa aparición dos primeiros tratamentos para a cronificación da sida, pastillas que os infectados deberán tomar o resto da súa vida para manter o virus aletargado no seu organismo.
"Con unha toxicidade aínda importante, pero era o que tiñamos", admite Álvaro Mena, médico da Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHUAC.
Os continuos avances médicos permitiron mellorar a esperanza de vida dos infectados e tamén corrixir erros. Non hai colectivos de risco senón prácticas de risco en que calquera pode incorrer se non está debidamente informado.
"E esas prácticas están directamente vencelladas á situación de vulnerabilidade e exclusión social das persoas. Por iso nese momento comezamos a traballar con ese segmento", explica a directora de CASCO.
O pai de Ary Rabina morreu de sida e ela contaxiouse do virus hai cinco anos. Decidiu non ocultalo.
"Moitas das miñas compañeiras non quixeron traballar comigo e eu sentín ese rexeitameto social", confesa esta coruñesa infectada de VIH.
Porén, a vida dos portadores de VIH non deixa de mellorar. Os comprimidos fixéronse cada vez máis pequenos.
"E agora ata temos tratamentos inxectables. As persoas que se someten a eles, cada dous meses a día de hoxe, xa non teñen que tomar nada pola vía oral", aclara o doutor ÁLvaro Mena.