Os sindicatos galegos ven preciso a mobilización para afrontar a negociación colectiva
Os sindicatos galegos ven preciso a mobilización para afrontar a negociación colectiva
A patronal advirte de que hai que aquilatar as subas salariais ao tamaño das empresas
Os sindicatos saen este luns ás rúas de Galicia para conmemorar o Día Internacional do Traballo. Están previstas convocatorias nas principais cidades e vilas da comunidade. As marchas centrais da CIG -por unha banda e de UGT-Galicia e Comisións Obreiras -por outra- celébranse en Vigo.
Ás doce do mediodía parte dende a Dobrada co lema "Paremos ou saqueo! Emprego, salarios e pensións dignas'. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, -nunha entrevista na Radio Galega- alertaba da situación do mercado laboral en Galicia ao asegurar que "somos campións do desemprego", hai unha elevada precarización debido á "espiral xeneralizada de alza de prezos e de inflación que causa deterioración nas condicións de vida" e a descapitalización de empresas. Criticaba tamén as últimas reformas laboral e de pensións xa que opina que consolidan recortes. Por todo isto Carril entende que é preciso optar pola mobilización á hora de afrontar a "negociación colectiva".
"Estamos vendo como o poder adquisitivo dos salarios é como no ano 1996. Os beneficios do IBEX e das empresas do IBEX medran nove veces máis cós salarios. Son moitas as razóns que nos sacan ás rúas, son moitas as razóns como nós estamos a facer chamamentos a xerar dinámicas mobilizadoras e a enfrontar a negociación colectiva dende o conflito que é a única maneira".
Ás once e media da mañá sae da Vía Norte olívica a manifestación unitaria de UXT-Galicia e Comisións Obreiras co lema 'Subir salarios, baixar prezos, repartir beneficios'. Nunha entrevista na Radio Galega, o secretario xeral de UXT-Galicia, José Antonio Gómez, avogaba por un acordo cos empresarios en materia salarial e non descarta mobilizacións se finalmente non hai pacto en breve.
"Se non soben salarios, se non se reparten os beneficios que se están a xerar por parte das empresas claro que haberá conflito. O que sabemos, o que vivimos no día a día é que a inflación que padecemos está a provocar que os salarios estean a perder poder adquisitivo, perdas que se cifran en máis do 5,2 por cento o ano pasado. Ante isto a receita que nós temos é a negociación colectiva e traballar polo seu fortalecemento".
Todos os sindicatos, tanto CIG como UXT-Galicia e CC. OO. coinciden en que cada a suba salarial a clave é que os futuros convenios inclúan cláusulas de revisión salarial que compensen a suba do IPC.
Desde a patronal, o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, avogaba tamén por un acordo de convenios e non descarta un pacto cos sindicatos. Nunha entrevista na Radio Galega, Cebreiros considera -non obstante- que hai que aquilatar as subas salariais ao tamaño das empresas. Considera que non é o mesmo a marxe de manobra dunha gran compañía que a dunha pequena empresa.
"Esas posibilidades (de acordo) sempre as hai. O que pasa é que tamén temos que trasladarlle á sociedade e temos que trasladarlle por suposto aos sindicatos que teñen que entender que cando falan de empresas falan de multitude de empresas, de diferentes territorios de diferentes modelos, de diferentes tamaños".
No conxunto de España, neste Primeiro de Maio prevense unhas 70 manifestacións.