Sobe a 0,26 euros por quilómetro a exención no IRPF para os que usen o vehículo propio no traballo
Sobe a 0,26 euros por quilómetro a exención no IRPF para os que usen o vehículo propio no traballo
A contía estaba fixada en 0,19 euros dende 2005, e agora actualízase
As compensacións por quilometraxe no IRPF estaban conxeladas dende 2005. Son para o persoal que usa o vehículo propio no traballo, que estaba exento de tributar ata 19 céntimos por quilómetro percorrido. Agora o ministerio de Facenda sobe a contía a 0,26 euros por quilómetro.
É unha suba de case o 37 por cento, unha vella reclamación do Rexistro de Asesores Fiscais. Para o seu presidente Agustín Fernández, o importe de 0,19 euros por quilómetro "loxicamente non cubría os custos neste contexto" de suba dos carburantes.
Con eses 0,26 euros por quilómetro tentan compensar os gastos en combustible e o desgaste do vehículo do traballador.
"Ti comunicas á empresa os quilómetros que realizaches, multiplicas por eses 0,26 euros e esa será a cantidade que che figure en nómina exenta de tributación e de cotización", explica Álvaro Viqueira, secretario xeral da asociación de autónomos ATA en Galicia.
A suba aplícase tamén nas compensacións por quilometraxe aos empregados públicos que usen o seu vehículo para traballar.